A CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

"Perdida"


No quinto aniversario de voda Nick Dunne (Ben Affleck) informa da desaparición da súa esposa Amy (Rosamund Pike). Baixo a presión policial e dos medios, a coartada de Nick comeza a esborrallarse. Pronto o seu estraño comportamento fai pensar a todo o mundo se en verdade non foi o responsable da morte da súa propia muller.

.
photo_camera .

David Fincher tennos acostumados a facer filmes con finais inesperados e onde nada é o que parece. En The Game xogaba con Michael Dougas a unha sorte de xogo sádico-burgués, en Seven o asasino non era máis que un mero mcguffin para outro xogo macabro arredor dos pecados capitales e en O clube da loita o protagonista era incapaz de distinguir entre o real e a paranoia nunha sorte de esquizofrenia levada ao extremo. Todas elas cunha estética moi moderna e unha atmosfera moi cargada.

"David Fincher opta por prescindir de artificios, filtros, movementos de cámara imposibles e efectos visuais, aos que nos tiña afeitos, acadando unha estética máis próxima a Zodiac que a Seven"

En Perdida David Fincher opta por prescindir de artificios, filtros, movementos de cámara imposibles e efectos visuais, aos que nos tiña afeitos, acadando unha estética máis próxima a Zodiac que a Seven. Unha dirección que “non se nota” e porén está aí. O importante é a historia. Centra todo o seu potencial narrativo na trama para levarnos da man, novamente, por sendeiros imprevistos. Unha clase maxistral de dirección contida, pero perfecta, coa que Fincher logra a maioría de idade. Perdida trata da denuncia que pon un marido pola desaparición da súa muller no quinto aniversario. Punto. É dese tipo de historias que máis se gozan canto menos se saiba delas. Unha vez vista non importa repetila, pero a experiencia de mirala por primeira vez sen saber nada e deixarse levar polos meandros mentais que nos propón Fincher é máis que recomendable. 

O citado marido está interpretado por un Ben Affleck (o próximo Batman) que, para variar, está máis que correcto. A súa muller desaparecida viste a pel de Rosamund Pike (Benvidos á fin do mundo), que cheira a Óscar. Un papel ao que optou tamén Reese Witherspoon, xunto a nomes como Charlize Theron, Natalie Portman ou Emily Blunt, pero a “mestura entre Nicole Kidman e Sharon Stone” que posúe Rosamund Pike, palabras do propio Fincher, foron determinantes para a elección final. Iso si, Witherspoon produce o filme, consciente do enorme potencial que tiña o libro de Gillian Flynn nas mans dun director coma David Fincher. Bo ollo... Destaca tamén a interpretación dunha debutante Carrie Coon, como a irmá xemelga de Affleck, e a presenza do próximo presentador da gala dos Óscar 2015, Neil Patrick Harris, o Barney na serie How I fmeet your mother (que se emite actualmente Neox).

"É posible que os seguidores da serie non poidan separar á mítica personaxe da sitcom do papel que interpreta na película".

É posible que os seguidores da serie non poidan separar á mítica personaxe da sitcom do papel que interpreta na película. De feito fai un rol un tanto similar ao da serie, aínda que con matices. Algo que probablemente non sexa casual... Fincher volve contar co seu director de fotografía habitual Jeff Cronenweth (A rede social, Millenium). Tamén repite música a cargo da parella Trent Reznor e Atticus Ross. Propoñen desta volta unha minimalista banda sonora relaxante e arrepiante, a partes iguais, que encaixa coma un guante no filme. Sen tratar de desvelar moito máis, a historia utiliza o “método Rashomon” para a narrativa, chamado así pola película homónima de Akira Kurosawa sobre un asasinato contado desde diferentes puntos de vista. Fincher usa este recurso de subxectividade desde diferentes ángulos (o do marido, o da muller e a crúa realidade) para guiar e xogar co espectador a través das particularidades e segredos dun matrimonio onde nada é o que parece. E ata aquí podo ler... Gocen e descubran Perdida sen complexos e coa mente aberta.

Título orixinal: Gone Girl
Ano: 2014
Duración: 149 min.
Nacionalidade: estadounidense
Director: David Fincher
Guión: Gillian Flynn
Fotografía: Jeff Cronenweth
Música: Trent Reznor e Atticus Ross
Elenco: Ben Affleck, Rosamund Pike, Neil Patrick Harris, Tyler Perry, Carrie Coon, Kim Dickens, Patrick Fugit, Missi Pyle, David Clennon, Casey Wilson, Sela Ward

Comentarios