A percusión tradicional centra unha xornada da Asociación Galega de Gaiteiros e Gaiteiras na Coruña

A Asociación de gaiteiras e Gaiteros galegos realizará este domingo unha xornada de obradoiros con especialistas en percusión tradicional.
Marilú Campos falará das 'Posibilidades percutivas das latas de conserva de peixe' (Foto: AGG)
photo_camera Marilú Campos falará das 'Posibilidades percutivas das latas de conserva de peixe' (Foto: AGG)

A Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros galegos (AGG) realizará o domingo 3 de abril na Coruña, ao abeiro das axudas para actividades culturais da Deputación de A Coruña, unhas novas xornadas de Percusión Tradicional que conseguiron completar todas as prazas dispoñíbeis.

Nesta ocasión consistirán en obradoiros impartidos por persoas expertas no mundo da percusión como Marilú Campos, Xandre Outeiro e Carme da Pontragha. O primeiro comezará ás 10.30 horas e tratará das 'Posibilidades percutivas das latas de conserva de peixe'.

Nel, Marilú Campos, fará unha introdución sobre a situación da muller na industria conserveira galega e dará a coñecer o traballo de campo a partir do cal reconstrúen o uso das latas de conserva de peixe como instrumentos acompañantes do canto e do baile nas foliadas das traballadoras das fábricas.

Na parte central deste obradoiro as persoas participantes probarán e experimentarán coas posibilidades sonoras, musicais e artísticas destes instrumentos.

O segundo dos obradoiros, que impartirá Xandre Outeiro a partir das 12.30 horas, explicarase o 'Procesamento de mostras e sampleo de percusións tradicionais'.

Nel haberá unha sesión teórico-práctica en formato masterclass onde as persoas participantes poderán coñecer distintas técnicas para o sampleo de mostras de instrumentos tradicionais de percusión miúda, e a súa preparación e tratamento por software para poderen ser empregadas en proxectos. 

O feche destas xornadas organizadas pola AGG estará a cargo de Carme da Pontragha, co obradoiro 'Tesouros rítmicos de Tordoia'. No curso veranse ritmos como muiñeiras acabalgadas, puño cerrado, muiñeiras riscadas, jotas a dous xeitos e pateados.

Comentarios