Percorrido polo envoltorio da música

Mostra en Santiago de cubertas de discos galego
cubertas
photo_camera Cubertas de Fuxan Os Ventos, Bibiano e Golpes Bajos. Imaxe: cedida.

De atender os cantos integrados dos tecnófilos, talvez a exposición Xirarei: deseño de cubertas no disco galego 1955/1995 sexa case arqueoloxía. A extinción dos formatos fonográficos físicos parécelles irreversíbel e, con eles, a das artes da cuberta. Mais o ilustrador Fausto Isorna (Catoira, 1961), comisario da mostra, quixo contar, con todo, a historia deste "obxecto de consumo que se converte en arte". Até o 24 de maio pode visitarse no Auditorio de Galiza de Santiago de Compostela.

Popular e industrial, funcional e artístico, comercial e atrevido, o deseño de portadas dos elepés é unha disciplina atada ao século XX. Xirarei comeza en 1955 cun EP de Joselín, outrora célebre contacontos, en realidade unha reedición en vinilo dun disco orixinal de lousa. "É que a gravación fonográfica naceu para rexistrar voces, non música", explica Isorna a Nós Diario, "neste caso, a cuberta era xenérica, debuxada". O pop aínda non irrompera nin na Galiza nin practicamente en ningures.

Porén, a mostra, que agrupa 600 pezas, non é cronolóxica.Tampouco conta a historia da música galega. "O que intentamos foi revisar os lugares comúns do deseño gráfico", di. E responder á obsesión do propio Isorna polo que define como "arte popular". "Ademais, as cubertas de discos son escenarios privilexiados para ver ensaios de tipografía, de ilustración, de empacotado... ou para transmitir ideoloxía, mensaxes", engade. O uso da simoboloxía máis ou menos nacional, que ocupa un relevante apartado na mostra, é exemplo desa tese.

"A bandeira e o mapa convértense en elementos que aparecen reiteradamente", expón. É o caso do mítico Estamos chegando o mar (1976), obra de canción de autor con ecos progesivos e militancia antifranquista de Bibiano, ou de Na fermosa Galicia (1970), de Los Tamara. Paisaxes, sobre todo mariñas, ou o hórreo, tamén adornaron elepés de toda condición. Igual que a omnipresente imaxe do gaiteiro. "Os discos da Coral de Ruada ou a inxente produción de Cantigas e Agarimos amosan estes recursos, ás veces de maneira traballada e ás veces de maneira máis kitsch", afirma.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios