SAúDE E TERRA IRMá(N)S! HOMENAXEA áS IRMANDADES NO SEU CENTENARIO

Pepe Barro: "Saúde e Terra era o grande saúdo das Irmandades"

Esta mañá inaugurouse na Coruña a exposición “Saúde e Terra, irmá(n)s!” Nela, conmemórase o centenario do nacemento das Irmandades da Fala. Foi na Fundación Barrié onde ficará até o 30 de xuño. A organización da mesma, que percorrerá as outras 6 cidades galegas, correu a cargo da Deputación da Coruña, do Museo do Pobo Galego e da Real Academia Galega.

Irmandades da fala_Deputación
photo_camera Imaxe da inauguración da mostra [Deputación da Coruña]

Moitas horas de traballo atópanse detrás desta exposición que presenta a historia das Irmandades da Fala en tódolos ámbitos nos que actuaron nos seus 16 anos de historia. Dende a política até a arte, as Irmandades da Fala foron cultura galega. No seu centenario, Saúde e Terra irmá(n)s! naceu para poñer de manifesto todo o seu labor, e faino da man do deseñador Pepe Barro cunha exposición itinerante e multisoporte. As chaves da irmandade, as relacións persoais e os seus códigos internos como o saúdo: Saúde e terra, ou a utilización da estrela branca no encabezado da correspondencia debúllanse na exposición e, tamén, nesta conversa.

Cal é o fío argumental da exposición?

Esta exposición, ao igual que todas as deste xénero, intenta ordenar un océano de información. Faino en dez tomas. Cada unha recolle un aspecto que a comisión organizadora considerou que se debía tocar. A cuestión da lingua, que é a primeira arela das irmandades, ten un espazo e unha serie de pezas relacionadas. Hai datos da cuestión organizativa: Houbo varias irmandades e vemos como se xuntan e se separan en catro ou cinco pezas, xa que non podes fornecer ao visitante de tanta información que provoque que logo se perda. Van aparecendo outros temas como: Arte e galeguismo, no que se narra como as irmandades trataron as artes plásticas, xa que non só foron políticos, senón que tamén foron artistas, pintores, escritores, xornalistas e mesmo líderes femininas. Este é un aspecto novedoso, pois a reivindicación da igualdade do home e da muller foi o primeiro problema político presente no seu manifesto.

"A reivindicación da igualdade do home e da muller foi o primeiro problema político presente no seu manifesto"

Deste xeito vanse tocando todas as revistas, os xornais as artes escénicas, grupos de teatro e a música que promoven, onde están os coros. Temos exposto o estandarte dun coro que leva gravada a fouce das irmandades. Isto é destacable porque, desgraciadamente, ao estandarte histórico de Cántigas da Terra tivo que serlle descosido o bordado da fouce durante a ditadura franquista e mesmo tapar a bandeira galega coa bandeira española. Afortunadamente está restaurado e pode verse o proceso, pero xa non temos fouce.

Como se distribúen estas diferentes temáticas?

Está ordeado de xeito que cada tema teña o seu espazo. Cada un deles é fechado e ten información sobre o contexto do tema. Compleméntase con fotos da época e pequenos textos que o explican e, ademais, ten unha exposición de pezas de arte. Fíxose unha selección de cadros documentais, referíndonos a retratos de personaxes da época por exemplo, e por outra banda obras de creación, entre as que hai varias esculturas que explican como o discurso identitario das irmandades tamén chegou ás artes.

"Temos dez cabinas e cada unha delas tén unha temática"

Nós temos dez cabinas e cada unha delas tén unha temática. A razón de expoñer en cabinas é que os documentos non se poden expor coa luz habitual no espazo expositivio, senón que ten que ter unha luz moi baixa. De non ser así, as bibliotecas e os arquivos non cederían as obras. Entón iso móstrase cunha luz baixiña e especial. Ademais, en cada cabina temática soa unha locución dun home e unha muller que van facer posible que escoitemos as palabras de Villar Ponte, Risco, Otero… De todos os protagonistas da época. Polo tanto, temos son, algunhas músicas que fomos debullando para complementar e tamén un pequeno audiovisual que fai un resumo do que se vai contar.  

Por outro lado, hai cousas moi curiosas como os esbozos de Vello Piñeiro para o Casino de Ferrol. Unha decoración mural que é a obra cume do modernismo pictórico en Galiza. Pero aquí temos tres esbozos marabillosos nos que Vello Piñeiro fai variantes coa flor de toxo, isto dá mostra de que non só está presente unha cuestión formal, senón tamén de fondo.

É unha exposición multisoporte…

É unha exposición que mestura xéneros. Hai voces que nos contan o seu pensamento, polo tanto temos a fala viva das Irmandades, temos as pezas documentais, os cadros, as fotos da época, un pequeno audiovisual e temos música. Unha exposición debe ser sempre unha experiencia física. É necesario deambular e curiosear. Ir para adiante e volver, sorprenderse… Iso é unha exposición. Senón é un libro e para iso está un mellor na cama léndoo ou nunha biblioteca.

O labor de recolección de todas estas obras é inmenso, mais tamén é imprescindíbel a selección e o filtro…

Comézase por definir as áreas que se tocarán e tamén o orzamento que vai ter a exposición, pois hai que adaptarse a el. Logo márcase o xeito no que se acolle iso. Esta labor durou uns meses, mais cun traballo moi intensivo.

O título da exposición é “Saúde e Terra irmá(n)s”. Saúde e Terra é a frase final da primeira editorial da Revista Nós, mais cal é o significado deste desexo?

Saúde e Terra é o desexo que eles se fan. A imaxe gráfica da exposición preséntase cunhas estrelas riscadas, dunha serie de irmáns da fala. Porque entre eles escribíanse as cartas encabezadas cunha estreliña feita a lápiz ou a pluma. Era un contrasinal que tiñan entre eles. A mesma estrela que logo se convirte na insignia do Partido Galeguista, a estrela branca da soberanía nacional. Un exemplo moi común son as dos Estados Unidos, cada estrela é a soberanía dun estado. Trátanse entre si de irmans e irmás na causa, unha tradición moi asentada. Por último, teñen ese saúdo que fan ao despedirse nas cartas ou ao facer un brinde nun banquete, pois estes eran un dos principais xeitos de se reunir: Saúde e terra! Ese era o seu grande saúdo.

Con el intentamos transmitir o entusiasmo que presidiu o traballo das Irmandades. Foron 16 anos nada máis, dende que se funda no 1916 até o ano 31, cando se funda o Partido Galeguista e aparece outra fase na que son os mesmos, pero aos que se lle suman moitos máis. Mais foron 16 anos ilusionantes nos que traballaron a reo e con moita ilusión, a pesar de que tiveron que sufrir a ditadura de Primo de Rivera.

Despois de estar na cidade da Coruña, a exposición vaise mover por seis cidades galegas. Ten unha grande dificultade mover pezas e obras de tanto valor documental...

Vai estar en sete lugares diferentes e isto é unha experiencia pouco común que dará o seu traballo. Haberá que seguir un protocolo determinado para que todo vaia ben e é probábel que haxa que substituir unha peza por outra durante o transcurso da exposición, se o orzamento o permite.

Para rematar, destacaría algunha peza da exposición?

Hai unha que destaca por curiosa. Temos un violín de Manuel Quiroga, quen foi o gran músico galego daquela época. Un violinista que viaxou por todo o mundo e que foi membro da Irmandade e socio de honra, ao que todos veneraron. De feito, temos unha talla del tocando o instrumento, tamén. Ese violín foi un agasallo que lle fixo ao seu amigo Losada Diéguez e que os uniu moito e, ademais, imos ter a un violinista que vai tocar unha peza con el.

Comentarios