O mar que boura na literatura galega

O Consello da Cultura Galega organiza o faladoiro “A Galiza navegante no imaxinario literario” para reflexionar sobre a importancia do mar e das navegacións na literatura ao fío da exposición “Inventio mundi” do Museo de Pontevedra.
Mar (wikipedia)
photo_camera Mar (wikipedia)

O parladoiro “Galiza navegante no imaxinario literario” terá lugar na cuarta feira 11 de decembro ás 19.30 horas, no Museo de Pontevedra. A profesora da Universidade de Santiago de Compostela e secretaria do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, exercerá como coordinadora deste encontro nos que participan Pemón Bouzas, María Solar e Víctor Freixanes. Os tres teñen obras nas que o mar é protagonista.

Pemón Bouzas, escritor de ampla bibliografía, fará un repaso da investigación que realizou ao redor de figuras históricas da navegación galega como Mourelle de la Rúa ou Francisco Caamaño.

A expedición Balmis, que partiu do porto da Coruña coa vacina para paliar o andazo de varíola que sufría América, centra a novela de María Solar Os nenos da varíola, sobre a que afondará na súa intervención.

 O Triángulo inscrito na circunferencia, a primeira e premiada novela de Víctor Freixanes, levaranos a navegar polo quimérico Mar dos Espellos que mestura o real e o irreal, o tanxible e o imaxinado. Partindo de aí, o autor fará unha achega da relación entre literatura e o mundo mariño na cultura galega.

Tamén a historia

A vindeira cuarta feira 18 de decembro este faladoiro terá continudade ocupándose de datos e feitos históricos. “A Galiza navegante na investigación histórica” contará coa participación de Pilar Cagiao, José Manuel Vázquez Lijó e Anxo Rodríguez Lemos, baixo a coordinación de Ofelia Rey Castelao.

Inventio Mundi

“Inventio Mundi. Galiza nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII” é unha mostra comisariada por Ofelia Rey que pretende contar as consecuencias que tivo para o noso país a primeira circunnavegación do planeta, a expedición de Magalhães e Elcano, cando se fan 500 anos da súa partida. Pode verse no Museo de Pontevedra até 14 de xaneiro.

Comentarios