Recolle en 'Brevedume' 200 páxinas de aforismos

Os pensamentos despeiteados de Xurxo Borrazás

Pensamentos despeiteados titulou o polaco Stanislaw Jerzy Lec un dos libros de aforismos máis celebrado do século XX. Despeiteado por incontrolábel e fóra de norma é tamén o pensamento que Xurxo Borrazás desprega en Brevedume, volume de anotacións destemidas, faíscas lúcidas, lecturas incorrixíbeis e reflexións a contratempo que vén de publicar Galaxia.
brevedume 2
photo_camera Detalle da cuberta de 'Brevedume', de Xurxo Borrazás. Imaxe: cedida.

Para a súa nova obra, Borrazás (Carballo, 1963) desenterrou, espigou e puíu dúas décadas de escrita almacenada en vellos cadernos cheos “de textos escritos con letra miñoqueira, os máis deles tachados porque xa se foran incorporando aos libros anteriores”. E nos que o novelista vai construíndo un ensaio necesariamente fragmentario, divertido e paradoxal, brillante e profundo, sobre arte, literatura, política e, en definitiva, vida cotiá.

Xurxo Borrazas“Escribir novela ou ensaio require temperamento espartano, disciplina. Fai ben Dan Brown en alternar tramos de escrita dunha hora exacta con series de 50 flexións. Esa estratexia está condenada ao éxito”, redacta nunha peza de 2014, “este libro, pola contra, escríbese desde a atmosfera de indolencia dun fumadoiro de opio na China de Chiang Kai-Shek”.

A través da orde cronolóxica -adoptada despois de desbotar outras opcións: a alfabética ou a aleatoria de Rayuela-, a lectora asiste ademais a un obradoiro de obsesións e recursos de escritor. “Escritor é o nome dunha trampa para palabras”, di un pouco máis adiante. “Escribir con tan poucas pretensións coma cando elaboramos unha lista da compra. Nun e-mail ou nunhas instrucións xa o estilo o envelena todo”, consideraba en 2018 nunha das moitas poéticas que contén Brevedume.

Xurxo Borrazás, autor de novelas determinantes da literatura galega contemporánea como Criminal (1994), Eu é (1996) ou Ser ou non (2004), xa practicara o xénero aforístico en tramos do Desintegrista (1998) ou Pensamentos impuros (2002). De feito, Brevedume recolle tamén petiscos que ficaron fóra deles e outros “que se foron sumando estes últimos anos, a non ter en perspectiva outro libro semellante”.

A crítica observou no traballo narrativo de Borrazás -que desde 2008, con Costa Norte/ZFK, non publica novela- o exemplo por excelencia da posmodernidade aplicada á literatura galega. En todo caso e máis alá do infinito debate sobre a cuestión, sempre xogou a extremar as lindes, disolver os xéneros, non dar nada por sentado. Facendo unha vez máis uso do paradoxo, el mesmo explica nun aforismo de 2016 incluído en Brevedume que “a tradición faise forte a base de obras rompedoras. O rupturismo reforza o statu quo”.

Nota: o escritor Xurxo Borrazás.

Comentarios