Peña, TanDub, Sleepy Spice, Elba e Secho, finalistas do Premio 'Narf'

A Deputación da Coruña fai públicas as bandas que participarán o vindeiro 21 de novembro na gala final do Concurso Fran Pérez "Narf" no Teatro Colón da Coruña.
Imaxe de arquivo da entrega do premio a Caldo na edición do ano pasado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe de arquivo da entrega do premio a Caldo na edición do ano pasado. (Foto: Nós Diario)

Esta terza feira, a Deputación da Coruña deu a coñecer os nomes das cinco bandas finalistas no Concurso Fran Pérez “Narf para grupos e artistas musicais que promove a área de Cultura. Así, Peña, Tandub, Sleepy Spice, Elba e Secho postúlanse para ser a banda gañadora que se elixirá despois dunha gala final que terá lugar no Teatro Colón da Coruña, o sábado 21 de novembro, e que se emitirá tamén en liña a través da canle da Deputación.

O Concurso Fran Pérez “Narf" de música ten por obxectivo “difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf", como rezan as bases. Até o de agora, algunhas das bandas que gañaron este premio foron Caldo, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno.

O xurado, que tivo como presidente o deputado Xurxo Couto, estivo formado polos xornalistas Carlos Crespo, María Yáñez e Teresa Cuíñas e mais polo crítico musical Pepe Cunha, mentres que a cantante Uxía, que tamén integraba o equipo deliverador, non puido acudir á xuntanza.

Quen é cada finalista?

A banda Peña vén de publicar o seu primeiro disco de longa duración baixo o titulo Carreiro, que segue ao EP Fórmula e está formada por Toño Magariños (Unicornibot), Rubén Abad (Cró!, Trilitrate) e Elena Vázquez (Trilitrate). 

TanDub resulta da fusión da música tradicional gnawa (do norte de Marrocos) con outros xéneros como o reggae, o drum&bass ou a electrónica e tamén son finalistas no concurso organizado pola Fundación Paideia, “Sonidos mans”.

Sleepy Spice é unha artista de música urbana en galego e en castelán que compón, grava e mestura os seus temas nun móbil e xa ten varios sinxelos publicados, como “Yo me dejo” e “Outro lado”. 

Elba comezou na música formando parte do coro infantil do Orfeón Terra a nosa e no coro de voces brancas da Orquestra Sinfónica do Conservatorio Profesional de Música de Santiago (Cmus), e con 18 anos fundou Ivy Moon. No seu proxecto actual mestura o synth pop ou post-punk con elementos do canto lírico e mesmo interpreta nos concerto óperas traballadas con sintetizadores.  

Por último, Secho debutou en 2009 da man da banda Medomedá e, nese mesmo verán sacou o seu primeiro EP, Secho y los invisibles; en 2016 publica Xa fai un tempo e agora regresa con Recuperar.

Comentarios