Pegerto Saavedra e Fina Casalderrey, primeiras incorporacións á RAG que preside Alonso Montero

Este sábado 14 de setembro, Pegerto Saavedra lerá en Compostela o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. O próximo 22 de novembro será a escritora Fina Casalderrey a que formalice a súa entrada na institución con sede en Tabernas, desta volta, na cidade de Pontevedra. Serán as primeiras incorporacións que Xesús Alonso Montero reciba como presidente da RAG. 

Fina Casalderrey
photo_camera Fina Casalderrey

O xeógrafo e profesor da Universidade de Santiago, Pegerto Saavedra, mais a escritora Fina Casalderrey serán as primeiras entradas con actos oficiais presididos polo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. Malia seren escollidos en tempo de Xosé Luís Méndez Ferrín, só agora é que tanto o xeógrafo como a escritora teñen xa marcadas datas para a súa incorporación como membros numerarios da institución. 

Pegerto Saavedra tomará posesión do seu lugar na Academia despois de que o sábado dea lectura ao seu discurso titulado “Demarcacións, topónimos, papeis, memoria. “Sobre a división e control do territorio na Galicia moderna”, intervención que, como é protocolario, será respondida polo xa académico Ramón Vilares no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela. 

Pola súa parte, a escritora Fina Casalderrey, formalizará o seu ingreso na Academia o próximo 22 de novembro, ás 19 horas no Teatro Principal da súa cidade, Pontevedra. 

Se na escolla de Alonso Montero como presidente a Academia mostrábase partida ao medio de maneira que só na segunda votación a balanza se inclinou cara a súa banda, as dúas incorporacións danlle algo máis de folgos á nova dirección da institución xa que foron apoiadas por membros da súa candidatura ou do seu grupo de apoio. 

Comentarios