Tras a pegada do rock progresivo de N.H.U

Os Premios Martín Códax dan a coñecer hoxe os nomes finalistas. Un grupo está certo de recoller un galardón nesta convocatoria. Trátase de N.H.U, a banda de rock underground que revolucionou Compostela nos anos setenta. A Asociación de Músicos ao Vivo volveos xuntar para lle entregar o seu Premio Honorífico. 

Nhu
photo_camera Nhu

Algúns levan anos sen se ver, pasou tempo abondo para que as súas traxectorias correran por solto mais quédalles a memoria de cando a banda era parte das súas vidas e desde Compostela experimentaban cun rock underground, psicodélico e progresivo ademais daquela paixón pola música que aínda manteñen.

Roberto Abal, Xoan Piñón, Tino Grandío, Xurxo Pérez, Xosé Ferreiro, Ricardo Maiz, Antonio Fernández, Emilio Cao ou Cuchús Pimentel son algúns dos nomes que formaron parte nalgún momento de N. H. U, a banda que nace en Compostela a comezos da década dos setenta e disólvese cando bota a andar a dos oitenta. Un L.P., editado por Zafiro, é a proba material da súa existencia. Fóra diso, moreas de concertos en salas e discotecas e a memoria que queda nos seus compoñentes duns setenta nos que a súa música tornábase illa solitaria nunha banda sonora oficial da que non participaban.

Conseguirá o premio que algúns deles volvan interpretar aquel rock rabioso dos setenta? “Non sei, levamos tempo sen nos ver e sen ensaiar mais todo podería ser posíbel”, adianta Xosé Ferreiro Garea, batería da banda desde a súa fundación, que leva na música desde os catorce anos e agora continúa na orquestra Zeltia. “Canda Roberto Abal, guitarra, gañara o Festival do colexio Peleteiro e logo buscamos un baixista que era Tino Gandío e a partir de aí foise montando a banda”, lembra Ferreiro que estivo en N.H.U. desde o inicio até a súa disolución. “A música que faciamos era distinta, non había nada igual. Había festivais e concertos nos cines pero a Franco e compañía non lle gustaba e logo rematou todo”, comeza Ferreiro e non tarda en sumar lembranzas á historia da banda, unha delas o episodio que fixo que o selo Zafiro publicara o seu L.P. “Colámonos, pensaron que tiñamos gaitas, había temas para un segundo L.P mais nunca saíu”, comenta daquel grupo que adoraba o rock e o jazz e gozaba todos os días con concertos e ensaios.

Do rock progresivo aos pasodobres

Para que N.H.U sobrevivira, os membros da banda montaron a orquestra “Obradoiro”. Enfundados en traxes azuis tocaban en vodas e banquetes e tanto lle daban ao pasodobre como á rumba. Os instrumentos e o equipo eran os mesmos para tocar nos pubs composteláns que nos casamentos. O obxectivo era logo pasalo ben cos sons “raros” de N.H.U e emular a Led Zeppelin, Pink Floyd ou o gran Frank Zappa, verdadeiro ídolo da banda. “Zappa era deus, foi o primeiro que vin tocar ao vivo en Barcelona, cando tiña 17 anos, aquel concerto marcoume”, relata Ferreiro mais, naquela viaxe non ía só. Canda el viaxaban outros membros de N. H. U.

“A Zappa fómolo ver tamén Xurxo Pérez, Xoán Piñón e eu. Daquela Piñón fixérase cun 2CV e alá fomos en coche. A música era un estado emocional e como iso a viviamos”, engade Roberto Abal, que continúa desde Arousa a tocar e compoñer. “Marchei da banda cando gravamos o disco. Logo cambiei de onda, estiven no grupo Alerta ou nunha orquestra. Lembro que fora un traballo moi persoal e pasabamos moitas horas no local de ensaio, compoñendo e interpretando”, comenta Abal.

Camiño de Conxo

O fotógrafo e músico -forma parte de Doa e da nova formación Deusa Tola- non tarda en localizar aquel local no que ensaiaban. Situábase na estrada que vai desde o Ensanche até Conxo. Entrara na banda fascinado ao sentila nun concerto nun pub, posibelmente o histórico Yohakin. Daquela estudaba Medicina, carreira que rematou, e aínda garda a sensación daquel primeiro encontro. “Era unha marabilla, eu escoitaba rock e gustábame a música electrónica e improvisada e enseguida me sumei”, di. Estivo na banda no 74 e o 75, cando N. H. U ofrecía “A Obra”, as súas composicións propias e singulares, pezas unidas, sen intervalos, sobre unha estrutura con comezos, improvisacións e fins. “Foi unha experiencia extraor

dinaria, catártica e hixiénica. Non había nada igual en toda Galiza e no estado podían ser un par de bandas as que facían unha música como a nosa. Era un oasis”, defende Piñón que vén de atopar nunha caixa unha cassette cun concerto gravado ao vivo que, segundo di, vai ser unha sorpresa para recompoñer a enerxía daquel grupo musical. “Cando a escoitei foi como unha viaxe no tempo. Creábase unha atmosfera especial, única e respondía a unha paixón na que a música era imprescindíbel”, comenta Piñón, desa descuberta que cadra no tempo coa concesión do Premio, ocasión óptima para, segundo defende, recuperar a historia dunha banda que eles, os que a viviron, non esquecen.  

...

Na rede pódense escoitar os seis temas do LP homónimo de N.H.U nos seguintes enlaces: 

 

1. Na terra do verde chan. 

2. A titiritada

3. Friky & Alexo 

4. Doente

5. Hai un tren. 

6. A trancas e barrancas. 

 

Comentarios