“A pegada dos avós” gaña o festival “Voces contra o silencio” de México

O documental “A pegada dos avós” resultou gañador do VIII Encontro Hispanoramericano de Cine e Vídeo Independente-Voces contra o Silencio de México. O filme de Xosé Abad foi escollido entre 521 películas presentadas e 194 seleccionadas. 

A pegada dos avós
photo_camera A pegada dos avós

O Festival Voces contra o Silencio que se celebrou en México do 29 de marzo ao 5 de abril escolleu como filme gañador dos 521 presentados o traballo do galego Xosé Abad, “A pegada dos avós”, un documental que se achega á recuperación da memoria histórica desde un grupo de adolescentes que buscan, 75 anos despois, achegarse á verdadeira historia de aqueles homes e mulleres que foron vítimas do golpe militar de 1936. A descuberta non vai ser fácil xa que o silencio ocultou boa parte do sufrimento e a realidade duns feitos que cambiará a percepción da historia do grupo de adolescentes. As biografías de José Villaverde e Amada García serán o motivo da súa investigación para coñecer o relato da historia que non atopan nos libros de texto. Buscarán tamén voces que contribúan a coñecer os feitos como o escritor Manuel Rivas, o xuíz Baltasar Garzón, o presidente da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Fernando Souto e o historiador Emilio Grandío. 

"A pegada dos avós" é unha das nominadas aos Premios Mestre Mateo na modalidade de mellor documental. 

Promoción do documental

Segundo o membro do xurado Adolfo Gumucio, “Voces contra o silencio”, máis que un festival é “un proxecto de defensa e promoción do cine documental, non só porque ese especializa neste xénero maltratado polos distribuidores e polos que financian a produción, senón porque en cada edición logrou ampliar o seu radio de acción a través dun centenar de espazos de exhibición”. Gumucio explica tamén que non tiveron dificultades á hora de escoller “A pegada dos avós” como gañadora ademais de facer unha mención especial a un filme de Canal Barrial 3 de Chile e outro de Luisa Riley de México. 

O documental de Xosé Abad está producido por EAF Producións da que tamén naceron os documentais “O Segredo da Frouxeira”, “Isaac”, arredor da figura de Isaac Díaz Pardo, “Asháninkas, en defensa de su territorio” ou “Monte Alén, Paraíso Salvado”. 

Comentarios