Pedrón de Ouro para o Museo do Pobo Galego

O padroado da Fundación Pedrón de Ouro concede ao Museo do Pobo galego o seu recoñecemento anual na edición na que se fai 50 anos da creación dos galardóns. O Pedrón de honra irá para a arqueóloga portuguesa Teresa Soeiro. 

“Polo seu compromiso co patrimonio histórico-antropolóxico”, a Fundación Pedrón de Ouro outórgalle ao Museo do Pobo Galego o seu premio anual, nunha edición especial nos que se fan cincuenta anos da súa creación. Á arqueóloga portuguesa Teresa Soeiro concédenlle o Pedrón de Honra polo seu traballo de investigación na Galiza e Norte de Portugal. Soeiro é profesora asociada do Departamento de de Ciências e Técnicas do Património na Facultade de Letras da Universidade do Porto e colaborou coas universidades de Coimbra, Santiago de Compostela e Braga. Foi directora de distintas escavacións e tamén do Museu de Penafiel desde onde coordinou distintos proxectos.

Desde a Fundación queren, alén de conmemorar os seus 50 anos, lembrar o 25 aniversario da morte dun dos creadores e promotores do Museo do Pobo, Xaquín Lorenzo, Xocas que foi tamén vicepresidente do Pedrón de Ouro. 

Os premios entregaranse nun acto que se celebrará na Casa da Matanza, sede da Fundación Rosalía de Castro en Padrón, e que será mantido polo escritor Xosé Luís Méndez Ferrín. 

Comentarios