Pecha o Ultramarinos, local de referencia no circuíto compostelá

Esta fin de semana será a última do pub Ultramarinos, un local que nos últimos anos se converteu nunha das referencias da cultura compostelá.

ultramarinos
photo_camera Ultramarinos

Hoxe os propietarios do pub anunciaban na súa páxina de Facebook o peche, que deixa atrás oito anos de música e programación variada. “Estamos orgullosísimos de ter sido moito máis que un pub, do traballo feito, de ter acollido tantos e tan marabillosos concertos, de ter colaborado activamente na dinamización da cidade vella e na loita por "normalizar" as actividades culturais ao vivo en locais de pequeno aforo, a través da Asociación Cultural Cidade Vella, Clubtura e a Plataforma Compostela Territorio Musical”.

Noa Díaz, o 50% deste proxecto a medias entre a hostalaría e a cultura, síntese especialmente satisfeita das “iniciativas que levamos a cabo nestes anos, como Dar no Cravo, un xogo que inventamos nós e que conseguiu que formáramos case unha familia cos participantes”. Lembra tamén a variada programación, aberta a todo tipo de artes e xéneros. “Por exemplo, os concertos de Nadal, que eran os máis agardados do ano e sempre o petaban. Comezou Espido, logo uniuse Xabier Díaz con Guadi Galego e Guillermo Fernández...”

“Nacemos como un local alternativo á oferta que había. Nunca nos encasillamos e tentamos abrirnos a músicas como a electrónica ou o hiphop”, destaca Díaz, “e en pouco tempo conseguimos ser un local de referencia na noite compostelá”.

As razóns do peche enmárcanse na crise e nos cambios de hábitos que esta produciu. “A noite cambiou e baixou moito”, explica Noa, quen se apresura a descartar o problema dos concertos ao vivo que hai uns meses provocou un conflicto na cidade. “Iso non ten nada que ver”.

E, como non gosta das despedidas, non acontecerá nada especial esta fin de semana, pero aseguro que nos agardan “para botar uns bailes e tomar uns chupiños á saúde de tod@s!” . O venres estará aos mandos da nave musical DJ Mil e o sábado DJ Vilouta.

E o futuro? Noa Díaz, nome coñecido na cultura por méritos propios e tamén familiares, apunta: “Espero seguir no mundo da cultura. Teño proxectos en mente, pero aínda non é o momento de contalos...”

Comentarios