LOGO DE CASE OITO ANOS DE ANDAINA

Pecha Estaleiro Editora

O proxecto de editora alternativa creada en Compostela en 2008 botará o fecho antes do verán publicando os seus dous derradeiros libros. 

estaleiro
photo_camera Presentación dun libro de Estaleiro [imaxe do Facebook da editora]

Os dous últimos textos, que sairán do prelo antes do verán, serán 'Acontecemento de desexo', unha monografía sobre Gilles Deleuze na colección de Filosofía, que coordina o colectivo Derrida; e un poemario bilingüe do escritor catalán Pau Gener. 

O esgotamento é a razón da finalización despois de oito anos deste proxecto colectivo que publicou máis de 30 libros nestes oito anos de vida, de autores como Alberto Lema, Rebeca Baceiredo, Carlos Taibo, Susana S. Aríns ou Rubén Ruibal, mais tamén autores internacionais como Bobby Sands ou Gramsci. 

“Hai algunha opción de que siga con vida, que alguén continúe publicando algo, pero como colectivo de persoas remataremos en poucos meses”, declarou para o Sermos Miguel Mosqueira, un dos promotores e compoñente da banda Ataque Escampe, que recoñece que “cada vez eramos menos, a xente foise desvinculando nos últimos anos e rematou resultando canso para os que quedabamos. Foron case oito anos publicando máis de 30 libros e iso desgasta, ao final é máis traballo que satisfacción”. 

Os obxectivos cos que naceu Estaleiro eran, segundo Mosqueira, “ofrecer liberdade normativa, publicar poesía, ensaio e teatro, que estaban abandonados nese momento. E tamén publicar mulleres”. E logo, alega, foron aparecendo outras editoras pequenas que ían ocupando tamén eses ocos,  “caso de Através, Euseino ou Hugín e Munín. Agora Estaleiro xa non é imprescindible”. 

Satisfacción

A pesar de todo, os promotores amósanse satisfeitos do traballo feito: “Houbo textos que tiveron máis acollida que outros, pero en xeral construímos un catálogo que nos gusta a nós e que lle gustou á xente, porque todos se venderon razonablemente ben”. 

A principal contribución desta proposta alternativa foi, en opinión de Mosqueira, “ofrecer libros que non tiñan cabida noutras editoras. Diversificamos o tipo de publicacións que había, sobre todo nos primeiros anos, porque logo coa irrupción destas outras editoras esa tarefa foi máis compartida”. 

Rubén Ruibal, por exemplo, publicou o seu primeiro libro en Estaleiro, e logo acadou o Premio Nacional de literatura dramática. E Alberto Lema fixo o propio e logo foi publicado por Galaxia e Caballo de Troya. “Iso deunos prestixio e confianza, foi un motor para nós ao principio”. 

Edición amadora

O feito de ser unha asociación cultural sen ánimo de lucro, que publicaba con licenza Creative Commons, “estivo ben naquel momento, pero se o volvesemos facer quizais o fixesemos de forma profesionalizada, porque así chegariamos a máis público, sería menos underground e os autores e o resto da cadea de edición poderían ter cobrado”. Mosqueira recoñece que o traballo voluntario acabou desgastándoos pero daquela non “contemplabamos outra posibilidade”. 

Estaleiro pechará a súa andaina en abril ou maio coa publicación de dúas últimas obras e un acto público de despedida. 

Comentarios