Pazos de Merexo, homenaxe ao mestre do acordeón

Pazos de Merexo e o seu acordeón. Dous protagonistas da homenaxe que terá lugar hoxe no Rincón da Baiuca en Muxía. Dous ou un só xa que o mestre Pazos de Merexo e o seu acordeón conviven en grande unión desde hai xa máis de sete décadas. 

Pazos de Merexo
photo_camera Pazos de Merexo

No “Rincón da Baiuca”, en Muxía, ás 20 so serán deste venres 16 de agosto  rendiráselle tributo a Pazos de Merexo, toda unha institución no acordeón diatónico. A homenaxe, non podía ser doutra maneira, con música de acordeón da man do propio Pazos e dous confesos admiradores, Xurxo Souto e Manuel, neto do homenaxeado e seguidor da tradición acordeonista. Henrique Rivadulla Corcón tentará darlle orde a este que se presenta como un “duelo de acordeóns”. 

De Merexo, aldea de Muxía, tomou o seu nome artístico Pazos, o mestre da Costa da Morte que será este venres 16 homenaxeado no Rincón da Baiuca, con dous acordeóns amigos e discípulos como compañeiros, o de Xurxo Souto e un máis cativo, o de Manuel, neto de Pazos e continuador da tradición que presidiu desde hai case sete décadas a casa de Pazos. 

O acordeón chegou moi pronto e desde moi lonxe. Pasaba pouco da primeira década de vida cando a Pazos lle puxeron un acordeón nas mans. Viña de Bos Aires e quen o traía era seu pai que pensou que o fillo lle podía dar algún proveito a aquel instrumento mercado por un tío na emigración. Tiroulle e moito. Pazos de Merexo comezou alugando o acordeón nas festas mais, aos poucos, daquela caixa comezaron a saír muiñeiras, mazurcas ou tangos que puxeron música ás festas e palilladas da Costa da Morte e fixeron do intérprete unha figura coñecida e querida na comarca. 

Desde que pegou nel, o acordeón de Pazos de Merexo só calou nun intervalo pequeno de tempo debido a unha situación familiar dolorosa que non convidaba á festa. Despois volveuse sentir, animado polo fillo que agora está tamén detrás da homenaxe de Muxía. Mestre do acordeón, figura respectada e querida, a dignidade da súa imaxe de músico popular prendeu tamén en Kepa Junquera, que o convidou, cando o seu neto Manuel, a participar no seu novo disco dedicado á música galega. 

 

Comentarios