Contracultura

Paulo Pascual: "A de 'Negro púrpura' é a primeira banda sonora feita integramente cun theremín na península"

Paulo Pascual, theremista, está detrás da banda sonora do documental 'Negro púrpura', que agora presenta xunto coa produtora, Illa Bufarda, nun formato vinilo. Pascual relátanos o proceso de creación da primeira banda sonora da península cun theremín -un dos primeiros instrumentos musicais electrónicos- e a escolla deste soporte para difundila: “Escoitando o vinilo soa bastante mellor que unha versión dixital”.
O músico Paulo Pascual (Foto: Augusto Rodríguez).
photo_camera O músico Paulo Pascual. (Foto: Augusto Rodríguez)

—Como foi a creación da banda sonora de Negro púrpura?
A idea xurdiu da produtora, Illa Bufarda. Ademais, esta é a primeira banda sonora feita integramente cun theremín do Estado español, e en Portugal tampouco hai ningunha experiencia así. Este proceso coincidiunos coa parte máis dura da pandemia, polo que o proceso foi madurando a través de reunións online. Primeiramente, eu comecei a traballar en base á idea do que elas me falaran e pouco a pouco xa foron enviando materiais, porque elas tiñan moitísimo gravado de entrevistas, polo que o proceso tamén foi un pouco lento. Había moitísimo traballo por ambas partes. 

Xa cando puiden ver os ritmos, a forma na que está feita o documental, que é bastante peculiar, comecei a adaptar o meu traballo a iso. Para min, o obxectivo principal sempre vai ser que a miña música se adapte, que haxa unha relación entre a imaxe e o son. E se ten que haber silencios que os haxa, porque tamén forma parte da composición musical. Os silencios nun momento do filme ou noutro fan moitísimo e, concretamente, para este caso eu gravei varias capas de theremíns. Hai momentos nos que están soando catro pistas e o que fixen foi traballar como se fose unha sesión de cordas. Aí os silencios, entre unha capa e outras, son importantes, porque se non, acabas xerando moita información e interferencias.

—Como pasa de coller o instrumento por primeira vez a crear esta primeira banda sonora?
O meu primeiro achegamento foi sobre o ano 2002, cun theremín pequeno que me trouxeran de Londres. Traballei con el cunha actitude de investigación, probando as posibilidades que podía ofrecerme. Pasados uns anos, merquei un máis potente e comecei a ver tamén theremistas de Europa. É incríbel, porque desde comezos do século XX, hai moitas máis intérpretes mulleres que homes e algunhas delas tamén soben nas súas redes vídeos didácticos. 

O que fixen foi un traballo, por unha banda, autodidacta e aprendendo co material que miraba dunha persoa ou doutra e tamén de probar a través da miña experiencia con outros instrumentos. Despois duns anos tocando e facendo algunhas melodías con theremín, por exemplo coa banda Camarada Nimoy, decidín dar o paso para centrarme máis nel e que se convertese no meu instrumento base, que é o punto no que estou agora. 

—Presentar a música agora nun formato vinilo é darlle unha imaxe aínda máis de coleccionismo
O vinilo non só está aí porque queiramos coller un formato bonito, tamén é unha cuestión acústica. O theremín é un instrumento electrónico e o proceso de gravación foi dixital e como eu xa teño experiencia facendo vinilos e vendo como cambia ese son desde o dixital até o analóxico, fun controlando e buscando a forma de que soase mellor.

Escoitando o vinilo, soa bastante mellor que unha versión dixital dos audios. Ademais, a escoita dun vinilo non é como a escoita dun CD: non escolles unha canción e vas saltando, dalgún modo sedúcete para que escoites o disco enteiro. Isto, conceptualmente, ten bastante que ver co traballo da película e da composición da banda sonora. É unha forma de darlle a identidade que se lle daba antes á música e que agora parece que pasa máis desapercibida. 

—Como está sendo a acollida nas presentacións en directo?
É moi gratificante porque non é só unha cuestión de contar canta xente vai, senón tamén de ver a reacción que teñen as persoas co que estás emitindo e o certo é que acabamos con boas sensacións. Penso que lle dá unha visión diferente, porque se ves alguén tocando un theremín e logo ves o documental, xa tes unha referencia do que está soando.

Comentarios