Tímpanos medievais da Galiza

Paula Vázquez Verao “A erección dos mosteiros da zona débese, en última instancia, á riqueza xerada polas rendas agrícolas”

Paula Vázquez Verao é graduada en Historia. Preparou para Nos Diario os fascículos sobre San Fiz de Cangas, que se publica mañá, e San Xiao de Lobios, que se publicará en febreiro. Falamos con ela sobre a primeira igrexa e o seu traballo titulado San Fiz de Cangas, refuxio eterno. 
Paula Vázquez Verao
photo_camera Paula Vázquez Verao

Refuxio eterno. A que se refere con esa denominación?

Responde á referencia para o enterramento que é esta igrexa tanto para a comunidade parroquial como para as familias nobres da zona que fixeron doazóns ao longo da historia do mosteiro para pregar polas súas almas e o modificaron para incluír os seus panteóns ou, simplemente, para enterrárense no chan da nave, cheo de sepulturas a partir do século XV. Hoxe podemos ver a capela dos Torres Novaes, do século XVII, que se construíu na antiga ábsida norte que, á súa vez, posiblemente xa servira de enterramento para Gómez Ares de Mosquera e Guiomar Menéndez de Noia, de quen temos dúas estatuas xacentes.

A igrexa de San Fiz está, asemade, exenta de núcleos de poboación, rodeada polo cemiterio da parroquia.

Ao longo do traballo insiste vostede en non desligar a igrexa da contorna, tanto do ponto de vista paisaxístico como da actividade humana. Por que esa simbiose?

Ao fin e ao cabo a erección dos mosteiros da zona débese, en última instancia, á riqueza xerada polas rendas agrícolas. As ribeiras do Miño, Sil e do Cabe son de gran riqueza agrícola na época medieval, tanto en produción de viñedo como o cultivo de froita e oliveria. A riqueza dos mosteiros de Ferreira de Pantón está ligada á paisaxe das ribeira do Miño e Sil e do val do Cabe, co seu potencial agrícola, ademais das pesqueiras que posuían nos ríos.

Dende Cangas podemos facernos unha idea das dimensións do val de Lemos, e percibimos, cara o sur, máis lonxe, algo do canón do Sil. É unha atalaia privilexiada para entender a xeomorfoloxía da zona.

San Fiz debe moito á igrexa de Eiré, como sinalan os distintos estudos sobre o románico de Pantón

Canto á iconografía, con elementos comúns a outras igrexas, que destacaría vostede como o máis interesante ou orixinal?

San Fiz debe moito á igrexa de Eiré, como sinalan os distintos estudos sobre o románico de Pantón, e a iconografía máis interesante é a que comparte con aquela: o arco trilobulado da ábsida central, que podemos ver no exterior, os canzorros con piñas (acios de uva, noutra interpretación) ou os capiteis con leóns e gatos, así como o canzorro do home que bebe dun barril, iconografía que tamén hai – noutra posición – en Santo Estevo de Atán, e que foi tamén interpretada como un tocador de dolio. Tamén destacan, por orixinais, os falos gravados nas súas dúas portas. Asemade, é interesante a bicromía que se consegue usando para o programa escultórico un tipo de pedra máis branca que o granito dos muros, unha solución xa presente en San Miguel de Eiré e no mosteiro de Ferreira de Pantón.

Finalmente, en varias ocasións no traballo utiliza o cualificativo "tosca" para se referir á fachada ou a outro elementos do exterior. Pensa vostede que é impericia construtitiva ou vontade expresa de se integrar na paisaxe.

Creo que se debe a que o remate da igrexa e algúns elementos foron feitos por un taller posterior con menor pericia que o que elabora a portada, tal como expón a tese doutoral de Teresa Claudina Moure Pena. A porta oeste non só é tosca na decoración, tamén presenta unha disposición que fai deducir que foi recolocada nun momento en que se remodelou todo o muro. Outras igrexas da zona, singularmente Eiré, na que se inspira San Fiz, presentan unha decoración coidada e de gran mestría.

Comentarios