Pauliña publica 'Testemuñas'

Paula 'Pauliña' Chaves: "É unha necesidade urxente que a xente cante, fale e cree contido en galego"

Após 'De-Xeneración' e 'A Malfalada', Paula Chaves, máis coñecida como Pauliña, presenta o seu terceiro traballo 'Testemuñas'. Un disco "sen cancelas musicais e parido tras vivir moita ansiedade, presións e cambios na miña vida que se vén reflectidos neste traballo", salienta a cambadesa. 
Paula Chaves, Pauliña, caracterizada como diaño para o seu novo videoclip 'Remordementos'.
photo_camera Paula Chaves, Pauliña, caracterizada como diaño para o seu novo videoclip 'Remordementos'. (Foto: Cedida)

-Terceiro traballo musical, co nome de Testemuñas. Canta evolución de Pauliña hai neste disco? 

Moita. Este disco foi o que máis traballei, co que máis sufrín e, sen dúbida, o que peor levei a nivel emocional de todos. Leveino mal polo traballo, as horas, o cambio de vida, a universidade, a Covid-19 e todo o que supuxo esta etapa de mudanzas, coas que aprendín e sigo aprendendo a xestionar.

Testemuñas representa toda esa poboación que se sente testemuña do que está a pasar e que, independentemente da Covid-19, seguimos a ver as mesas inxustizas de sempre. Tento plasmar esa idea de estar toda a vida loitando por cousas polas que xa non teriamos que loitar. Non deberiamos ter que manifestarnos para que non se mate xente, como está a acontecer agora mesmo en Palestina; non teríamos que seguir coa loita feminista, mais aí segue o machismo. Pensei que estabamos uns pasos máis aló, mais non é así.

-Escoitando o disco completo cabe destacar a diversidade de estilos musicais que escolle para este traballo. 

A universidade influíu moito neste traballo –agora mesmo estou estudando o Grao de Filoloxía Galega– e fíxome pensar en que non me podo encadrar. Isto supón traballar o triplo nas cancións para que estas digan o que eu quero. Non podo frustrarme á hora de dicir “quedoume un disco moi ecléctico”.

Simplemente déixome fluír e se esa letra me pide un reggae, pois que así sexa. Non quero encadrarme porque as letras piden un ritmo e agora vou tirar máis por iso que por quedar nun só xénero. A miña idea é tentar poder dicir coas letras e coa música o que eu imaxino na miña cabeza.

-Cal é o seu tema favorito? 

En conxunto gústame todo o disco porque, malia que os temas son todos meus –a excepción de “Pasa de min”, no que traballo con Fosi Labazada para facer homenaxe a un amigo que nos morreu este ano–, tamén son de toda esa xente da que me fun rodeando na miña vida e fixeron un traballo brutal. Pero se teño que quedarme cun só tema, escollo “Rexurdimento”, quizais porque é o que me dá máis alegrías. 

-Fonsi Labazada é unha das colaboracións coas que conta este traballo, alén dos lusos de Kumpania Algazara. 

O disco quedou moi compacto grazas a toda a xente que aceptou colaborar. Ademais dos que acabas de mencionar, tamén colaboran Leo de Matamá, High Paw e Nee Barros.

Con High Paw hai unha conexión impresionante. Á hora de gravar o tema “Noite en Compostela” foi todo rodado e ao final temos unha conversación sobre a música improvisada na que mencionamos diferentes locais de Compostela e Vigo. Con este tema queriamos reivindicar esa escena de garitos que agora mesmo non podemos desfrutar, mais non queremos que se perda esa cultura.

Tamén tiven o pracer de descubrir e compartir aula co escritor Nee Barros, quen a través da súa obra Identidade reflicte o problema da aceptación da diversidade social, algo que debería estar asumido pola sociedade, mais non é así. Comenteille de colaborar no disco e achegou uns versos de creación propia exclusivamente para este traballo.

Mais a sorpresa chegou desde Portugal con Kumpania Algazara. Púxenme en contacto porque sempre quixen facer algo con eles. Dixéronme que si e a través de videochamadas coñecinos e aceptaron a colaboración. Quedou un tema brutal que espero poder presentar algún día no territorio luso.

-Dá a coñecer Testemuñas co videoclip de "Remordementos" onde traballa cos premiados nos  Mestre Mateo deste ano, Xabier Miranda e Iago Vilarinho. 

Traballar con eles foi a mellor experiencia da miña vida. A idea orixinal da peza é miña, pero quería que fose algo máis grotesco e decidido, foron eles os que suxeriron a idea de que a Pauliña que mata o diaño tivese medo e non estivese tan segura. Creo que ese enfoque é o acertado porque reflicte mellor a situación. Coa última imaxe da peza audiovisual damos a ver que iso pode ser un bucle, que podemos volver caer nos problemas, que ao final é o risco que se corre cando estás nun momento de mudanza da túa vida. 

Para min isto tamén dá a ver ese “pensamento” que teño eu, e que ten o protagonista d'A Esmorga, un ruxerruxe constante que Eduardo Blanco Amor plasma moi acertadamente. Por iso noutro tema do disco, o meu favorito, tamén se pode escoitar nas letras: “entre tanto pensamento, estou tola todo o tempo”.

-O deseño do disco conta con todas esas referencias culturais que se mencionan nas letras. 

Si, é un traballo feito por Pruden Tatuaxes e Lúa Lomo, un matrimonio co que sempre quixen traballar e que plasmaron á perfección o que lles fun contando sobre o disco. O demo e o cruceiro, a referencia a John Lennon, a actitude forte e combatiba coas que se representan as mulleres que aparecen, son algunhas das ilustracións que se ven no disco, mais temos algunhas reservadas para o merchandising.

-Tres discos íntegros en galego.

Considero que é unha necesidade urxente que a xente cante, fale e realice contido en galego. Penso que se a Xunta realmente apoiase a cultura en galego, os artistas teriamos moita máis repercusión. Precisamos medios para poder darnos a ver. A nosa cara non é a TVG, cando debería de selo, unha canle pública de calidade. Precisamos unha plataforma que amosase o que pasa na Galiza realmente, porque non todo é Luar, Land Rober e Bamboleo. Ao final, o galego é o meu idioma e dáme identidade, por iso vou defendelo sempre, pese a ter escoitado moitos comentarios tipo 'a música mola, mais é unha mágoa que sexa en galego

Comentarios