Paul Auster, Queipo, Karasik e Mazzuchelli nunha novela gráfica

O relato é de Paul Auster, a tradución de Xavier Queipo, a novela gráfica de Karasik e Mazzuchelli e a edición de El Patito Editorial. Cidade de Cristal chega a nosa lingua. 

..
photo_camera ..

A editorial con sede en Compostela, El Patito Editorial, publica en galego a novela gráfica de Karasik e Mazzuchelli Cidade de Cristal, unha adaptación do relato de Paul Auster incluído na súa Triloxía de Nova York. O escritor Xavier Queipo é o encargado de traer a obra ao galego. 

“Foi un número errado o que fixo que todo comezara, o teléfono soou tres veces no medio da noite e a voz doutro lado preguntando por alguén que non era el”,  é o inicio da novela gráfica , unha historia na que Auster relata o episodio no que recibe unha chamada telefónica confundida a súa casa na que preguntan por unha axencia de detectives. O escritor imaxina que tería acontecido se tería respondido afirmativamente á pregunta e iniciara unha aventura como investigador, acción que traslada ao protagonista do relato, Quinn, o escritor de poesía e relato que pasa á novela policíaca co nome de Villiam Wilson. 

Escritor-protagonista

A partir da anécdota inicial, a historia complícase nese espazo sen barreira entre a realidade e a ficción na que o investigador-escritor Wilson coñece ao propio Paul Auster e tórnase perturbador atoparse coa dupla personalidade autor-protagonista. “The Comics Journal” definiron a novela gráfica como ““un dos 100 mellores cómics do século XX”. 

“É un dos meus autores de referencia, quer na súa prosa, quer nos filmes que se fixeron a partires dos seus textos. Ten unha característica para min moi querida: Foi profesor en Francia e, daquela, utiliza unha linguaxe moi asequíbel no orixinal en inglés para lectores de linguas romances. Nunca estiven en Nova York (debo ser dos poucos escritores da miña xeración), mais si coñezo Brooklyn a partir dos seus textos. Tiven a oportunidade de encontralo en Bruxelas e foi un pracer falar con el uns minutos, pois é moi accesíbel e extremadamente amábel”, sinala Xavier Queipo, tradutor do texto da novela gráfica. 

O escritor galego, segundo recolle a propia editorial, considera a Auster un autor próximo no tratamento das personaxes como na propia consideración da novela. Destaca Queipo tamén o feito de ser gañadores os dous do Premio San Clemente, outorgado por un xurado de mozas e mozos. “Síntome ligado a el niso, na querencia que os lectores máis novos tiveron polos nosos textos, el en 2001 por "Tombuctú" e eu en 2012 por "Extramunde", as dúas cunhas certas reminiscencias viaxeiras”,  explica.

Comentarios