O Patrimonio Cultural de Pontevedra “a golpe de clic”

A Deputación de Pontevedra vén de presentar o portal Atopo, unha web que permite o libre acceso a preto de 700.000 rexistros do patrimonio cultural de 130 institucións da provincia.

Presentación do portal Atopo, en Pontevedra (Imaxe: Deputación de Pontevedra).
photo_camera Presentación do portal Atopo, en Pontevedra (Imaxe: Deputación de Pontevedra).

Libros, revistas, xornais, cartas, mapas, fotografías, debuxos, música e moitos bens máis que poidas imaxinar xuntounos a Deputación de Pontevedra nun novo portal que vén de ser presentado oficialmente ao público.

Estes materiais que se atopaban espallados entre Museo de Pontevedra e do Servizo de Patrimonio da Deputación, así como doutros 128 concellos e institucións da provincia, agora preséntanse organizados no portal Atopo [https://atopo.depo.gal]. Son preto de 700.000 rexistros do patrimonio cultural dispostos ao alcance de todas nun marco sinxelo de divulgación, integración e investigación. Trátase, pois, de diversos fondos documentais e bibliográficos reunidos nun mesmo portal, chegando incluso a manexar case 14.000.000 de imaxes dixitais.

Son preto de 700.000 rexistros do patrimonio cultural dispostos ao alcance de todas nun marco sinxelo de divulgación, integración e investigación.

Durante a súa presentación, a deputada de Patrimonio, María Ortega, e o deputado de Novas Tecnoloxías, Carlos L. Font, destacaron que este é o resultado dun traballo de organización, descrición e catalogación realizado durante máis de dous anos. Unha web que continúa en aumento e que está aberto á incorporación de novos fondos e institucións.

Atopo, un novo portal que reúne o patrimonio cultural de Pontevedra

Atopo é unha ferramenta que foi deseñada conxuntamente polo Servizo de Patrimonio Bibliográfico e Documental e o Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra. Un espazo que naceu co obxectivo e coa necesidade de achegar á poboación a información daqueles fondos documentais definidos como públicos e de acceso libre que existen na provincia, mais que, na súa maioría, non eran de fácil localización. Segundo explicou Ortega, Atopo é un portal de "descubrimento de recursos que facilita o acceso completo aos fondos, independentemente do seu formato, localización física e procedencia institucional. Trátase dunha solución que permite consultar unha ou máis bases de datos á vez e obter respostas en intervalos de tempo mínimos", resaltou, para engadir que a web está "viva e en crecemento" no relativo a oferta de información, xa que engadirá fondos de xeito continuo.

"Atopo é un portal de "descubrimento de recursos que facilita o acceso completo aos fondos, independentemente do seu formato, localización física e procedencia institucional", en palabras de Ortega.

Pola súa banda, Carlos López Font, deputado de Novas Tecnoloxías, destacou que a plataforma permitirá dar a coñecer moitos fondos que até o momento se descoñecían simplemente por non ter unha ferramenta axeitada para descubrilos e tamén no feito de que a web estea ao dispor de todas as persoas en tres idiomas (galego, castelán e inglés) "por interese e necesidade dos que se preocupan do patrimonio".

O material está distribuído en seis áreas temáticasweb atopo

Todo este material dixitalizado está organizado ao redor de seis áreas temáticas: libros, imaxes dixitais pertencentes á colección do Museo de Pontevedra e a Biblioteca do Arquivo Provincial da Deputación de Pontevedra; periódicos e revistas; fondos documentais, incluíndo material impreso dixitalizado dos arquivos municipais, da Deputación de Pontevedra e Museo de Pontevedra; mapas, coa dixitalización dunha gran colección cartográfica; material gráfico; e material sonoro.

Comentarios