ESPECIAL SOBRE ANTONIO FRAGUAS

O patrimonio arqueolóxico ao servizo da construción nacional

Antonio Fraguas tivo a fortuna de contar como profesor no instituto de Pontevedra con Lousada Diéguez, quen lle inculcou o interese pola recollida e conservación de todo o patrimonio cultural. Desde o Seminario de Estudos Galegos catalogou e estudou o patrimonio arqueolóxico coa intención primordial de fixar os alicerces da nación galega.

1984 Coloquio Etnogr. Mari¦ütima
photo_camera Antonio Fraguas nun coloquio de etnografía marítima, en 1984, (Arquivo MPG-AFF).

Sen títuloCando Lousada Diéguez, presidente da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala (Lugo, 2018), onde se nomearon “d’oxe pra sempre, nazonalistas galegos”, convenceu o grupo ourensán de que dedicasen os seus esforzo intelectuais a prol de Galicia, estes, como os apóstolos, deixaron o que tiñan entre mans e puxéronse ao labor.

Otero Pedrayo, Vicente Risco e Florentino López Cuevillas, vendo que en Galicia case todo estaba por facer, decidiron traballar en todos os eidos, mais, especificamente, Otero dedicaríase á xeografía, Risco á etnoloxía e Cuevillas á prehistoria. Andaba este, en 1917, a publicar na revista neosófica La Centuria artigos tan de actualidade como a Revolución Rusa e, cinco anos despois, faino, amosando xa unha grande madurez arqueolóxica, sobre o xacemento romano de Aquis Querquernis ou o castro de San Cibrán de Las.En 1923, creouse en Santiago o Seminario de Estudos Galegos. Todos os seus membros, distribuídos en seccións,decidiron traballar seguindo o criterio do grupo de Ourense: todos en todo, participando cada un máis activamente na sección correspondente.

Don Antonio Fraguas tivo a fortuna de contar como profesor no instituto de Pontevedra co devandito Lousada Diéguez, quen lle inculcou o interese pola recollida e conservación de todo o patrimonio cultural de Galicia. Xa en Santiago,entra Fraguas en contacto co SEG, no que ingresaráao rematar a carreira de Filosofía e Letras, en 1928, cun traballo sobre “O castro de Soutolongo (Lalín)”. Adscribiuse á Sección de Etnografía e Folclore dirixida por Risco, participando intensamente nas de Prehistoria e Xeografía, encabezadas por Cuevillas e Otero, respectivamente, e, con menor dedicación, na de Historia e na de Arqueoloxía e Historia da Arte. El mesmo deixou dito que tivo que facer de todo, desde catalogar mámoas e castros, ata inventariar igrexas, recoller cantigas ou estudar unha ponte.

O Seminario decidiu iniciar unha sucesión de “Xeiras” de investigación, nas que colaborarían todos os membros (letras e ciencias) que puidesen acudir a elas, pois, como dixo Filgueira Valverde, “Deste xeito, a Prehistoria non sería algo lonxano pra os que catalogaban vexetaes ou aves; o paleógrafo podería parolar, sobre o terreo, co xeógrafo; o arquitecto tiña algo que adeprender dos historiadores, e todos, dos artistas e dos poetas”.

O obxectivo

A ambiciosa idea era chegar a cubrir todo o territorio da nación. Tres foron as máis importantes: a da Terra do Deza (1928), na que Fraguas catalogou os xacementos castrexos, a da Terra do Saviñao (1928-1929) e, finalmente, a da Terra de Melide (1929), a única da que se fixo unha modélica publicación, Terra de Melide (1933), na que Fraguas aparece catalogando 21 dos 39 xacementos castrexos rexistrados, amais de recollerun espléndido repertorio folclórico en torno a eles e de traballar en varias igrexas.

El mesmo deixou dito que tivo que facer de todo, desde catalogar mámoas e castros, até inventariar igrexas, recoller cantigas ou estudar unha ponte

Da primeira non houbo publicación conxunta, da segunda viron a luz dous espléndidos traballos:“Mámoas do Saviñao. A anta de Abuime e a necrópole de Monte da Morá” (1933) e “Los castros de la tierra de Saviñao” (1955),asinado o primeiro por Cuevillas, Pura Lorenzana e Fraguas e o segundo por Cuevillas e Fraguas. Se o primeiro é un grande artigo, o segundo amosa unha enorme madurez científica. Non é só un traballo de arqueoloxía, xa que nin un nin outro eran nin pretendían seren arqueólogos, senón historiadores, mais para historiar aqueles recuados tempos precisaban empregar os métodos e coñecementos arqueolóxicos.

A modernidade deste traballo é impresionante, relacionando a ocupación humana castrexa coa actual, explicando as desviacións pola acción monástica (non obviemos que estamos na Ribeira Sacra), estudando os topónimos, as captacións de auga, etc. Sendo feito o traballo de campo na década de 1920 e estando listo para o prelo, como pouco, hai uns 70 anos, admira a modernidade do traballo e constitúe unha proba evidente de que a “arqueoloxía da paisaxe” en Galicia non é unha metodoloxía recente.

A imparcialidade

En Manuel Murguía: o patriarca (1979), Fraguas dixo del que “quere ser imparcial, o máis imparcial que poida e quere que se lle xusgue así” e engade: “Murguía afirma entonces que él nunca creeu na imparcialidade da historia, porque o historiador é home e non pode sustraerse á influencia dos problemas do seu tempo. Desea buscar a verdade sen prevencións, e sacar dela a lección correspondente, pero sin ser frío espectador do pasado”, e engade un editorial de Nós, de 1933, que considera da autoría de Otero Pedrayo, no que se di: “Murguía fíxose historiador. Foi historiador por patriotismo; polo tanto historiador apaixoado, mais non infiel, mais non disimulador da verdade...”.

Cos coñecementos e os métodos actualizados, o mesmo poderiamos dicir de todos os integrantes do SEG, Cuevillas e Fraguas incluídos. En 1926, nunha recensión dun libro de Luís Pericot mostraba Cuevillas “o degorante desexo” de que este arqueólogo catalán se incorporase á universidade de Santiago, pois non poderá deixar de axudar “ca sua esperanza, co seu saber e co seu talento, os que n’ista terra, e sentindo as mesmas arelas que cicais il sinte, andamos a erguer unha miga o creto esmorecido da Galiza”. Magnífica declaración de principios, xa que os nosos devanceiros traballaban impulsados polo que Risco chamou “Sentimento da Terra”, sen máis afán que a ciencia e a nation building, a forxa e o engrandecemento da nación. Xa no espléndido traballo Os Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galicia que, en 1929, publicou con Bouza Brey combinan arqueoloxía con historia das relixións, fontes literarias clásicas e paralelos etnolóxicos e folclóricos, procurando a etnoxénese de Galicia.

Fraguas fixo arqueoloxía como fixo historia, xeografía, etnografía e folclore sen máis afán que o “Sentimento da Terra”, o amor a Galiza

Sendo Fraguas profesor no Instituto da Estrada, entre 1933 e 1936, fixo saídas cos alumnos, catalogando castros, facendo catas e organizando no centro un museo coas pezas recollidas. A insurrección militar depurouno ata 1950, cando por fin lle permitiron acceder á cátedra de Xeografía e Historia, incorporándose ao instituto de Lugo, onde de novo puxo en práctica as saídas arqueolóxicas cos alumnos, catalogando e publicando necrópoles megalíticas e petróglifos.

Don Antonio, home fiel aos principios do SEG, fixo arqueoloxía como fixo historia, xeografía, etnografía e folclore sen máis afán que o “Sentimento da Terra”, o amor a Galicia. Os devanceiros do SEG catalogaban e estudaban o patrimonio arqueolóxico coa intención primordial de fixar os alicerces da nación galega.

[Este artigo forma parte do A FONDO especial sobre Antonio Fraguas, á venda na loxa]

Comentarios