Patrick Modiano, un novo Nobel que non aparece no catálogo editorial galego

O escritor francés Patrick Modiano é o novo gañador do Premio Nobel de Literatura. Como no anterior ano con Alice Munro, a obra do autor galardoado tampouco se pode atopar no catálogo do sector editorial galego. 

Modiano
photo_camera Modiano

En selos franceses, portugueses, españois ou ingleses pódese ler a Patrick Modiano mais a súa ampla obra non coñece polo de agora tradución nos galegos. O novo premio Nóbel de Literatura naceu en Boulogne-Billancourt, nas proximidades de París, en 1945 e deuse a coñecer como escritor coa publicación en 1968 de La Place de L´Étoile. Dez anos despois faríase co prestixioso Prémio Goncourt con Rue des boutiques obscures ao que sumaría o Grande Prémio de Romance da Academia Francesa. Recentemente foi distinguido co Grande Prémio Nacional das Letras e o Prémio Margerite-Duras. 

Modiano recibirá o Nóbel nunha ceremonia que se desenvolverá en Estocolmo o vindeiro 10 de decembro. 

A ocupación nazi e o colaboracionismo son o centro das súas primeiras e celebradas obras que iniciaron unha traxectoria na que a literatura se debate coa memoria, e a busca da identidade e do pasado bate coa tendencia a unha amnesia calmante. 

Memory Lane, De si braves garçons, Quartier perdu, Dimanches d'août, Catherine Certitude, Remise de peine, Vestiaire de l'enfance, Voyage de noces, Fleurs de ruine, Un cirque passe, Chien de printemps, Du plus loin de l'oubli, Dora Bruder, Des inconnues, La Petite Bijou, Accident nocturne, Un pedigree,  Dans le café de la jeunesse perdue ou L'Horizon son outros dos seus títulos.

Comentarios