Patricia Hermida: "As Administracións que dotan de grandes recursos os festivais deben exixir grupos galegos"

O Premio á Excelencia do Iberian Festival Awards recoñeceu esta edición o traballo feito por Patricia Hermida no sector dos festivais musicais na península Ibérica durante 2021. Nós Diario conversa coa galardoada, que ademais é responsábel da empresa Dotbeat e presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM).  
A galardoada nos Iberian Festival Awards, Patricia Hermida, en Lisboa, na gala de entrega dos premios (Foto: Cristina Padín).
photo_camera A galardoada nos Iberian Festival Awards, Patricia Hermida, en Lisboa, na gala de entrega dos premios (Foto: Cristina Padín).

Que significa para vostede recibir este galardón?

É unha honra tremenda, ademais de por recoñecer a traxectoria dunha profesional tamén por ser a primeira vez que se lle concede a unha persoa non tanto polo seu éxito empresarial, senón polo seu éxito en termos de economía social. Por ter traballado con propostas que procuran igualade de xénero, diversidade e sustentabilidade.  

Comezou como cantante e guitarrista do grupo folk Ávalon. Serviulle de experiencia estar na pel da artista?

Desde logo. Eu sempre digo que  cando comecei a traballar nisto viña cunha bagaxe moi importante por ter moi claro o que non podía ser máis que o que podía ser. Témonos visto en situacións... que normalizabamos por ser moi novas e que hoxe para min non son normais. 

Había determinadas circunstancias nas que a banda se sentía incómoda, xa non só en termos de xénero, senón en cuestións primarias. Ademais, como estaba farta de ver propostas incríbeis con talento nos escenarios, pensei que podía achegar algo do outro lado, tratando de coidar esas carencias que viviramos nós. Foi un comezo cun alicerce moi motivador, bonito e alentador.

Que ten en conta á hora de organizar un evento musical? 

Responderei como equipo, onde a maior parte somos mulleres sen ser algo premeditado senón natural pola súa valía: o fundamental é sempre primeiro traballar en condicións de mercado reais. Que as bandas e as artistas reciban uns honorarios que estean, como mínimo, dentro do convenio estabelecido. 

Para min é fundamental que se sintan igual que outras bandas, algo que semella non acontecer cando son convidadas a participar nun concerto como convidadas e atópanse sen camerino ou sen cátering. 

Nós tratamos de que todo o mundo estea cómodo e teña unhas boas horas de actuación para ter público e non en horarios vespertinos onde non teñan audiencia. 

E logo, por suposto, cos medios técnicos que precisen. Hai que coidar a artista, que é a orixe da cadea de valor. Sen ela non teriamos nada os demais. 

Por que os grupos galegos teñen dificultade para entrar en carteis de grandes festivais na Galiza e cando aparecen é en tamaño máis pequeno?

Nunca en ningunha das miñas programacións puxen un nome máis grande que outro. Paréceme unha ofensa tremenda cara ao traballo das artistas. É certo que temos un gran defecto sobre todo en temas de políticas culturais. O que alegan as grandes programadoras na Galiza é que os grupos galegos non venden abondo entradas para ser programados. 

Nun clima onde a subvención é unha gran parte da entrada de diñeiro dos festivais, si debería de haber un pouco máis de presión por parte de todos eses organismos das Administracións públicas para que esta programación estivera máis equilibrada. Se non existe unha vontade propia, temos que introducir mecanismos de corrección. Sexa en termos da presenza de mulleres como en termos de lingua.

Ten que haber alguén, e quen mellor que as Administracións que dotan dun gran número de recursos estes festivais, que exixa que se programe grupos galegos e que toquen en lugares que mereza a pena tocar. 

Normalizouse a presenza das mulleres na súa profesión? 

Dentro da industria hai presenza das mulleres mais os cargos que se ocupan sempre están relacionados ao coidado. Está presente na atención á prensa ou aos artistas mais non está nos lugares de toma de decisión. Hai poucas mulleres directoras de festivais, manager ou directoras de produción técnica. E non as hai por non permitirlles o acceso a estes círculos que son os que poden ter poder de decisión.  

Comentarios