Entrevista

Patricia Hermida: "Comeza a perigar non só o tecido industrial, senón tamen o cultural"

Patricia Hermida é coautora xunto a Ángel Dieste do 'Manual de boas prácticas na xestión cultural para espectáculos ao vivo', publicado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e a Deputación da Coruña. En conversa con 'Nós Diario', Hermida fala da actual situación do sector da cultura. 
Patricia Hermida
photo_camera A autora Patricia Hermida. (Foto: Cedida)

Cales son as boas prácticas que deben facerse na xestión de espectáculos ao vivo? 

Iso é o que tentamos responder Ángel Dieste mais eu no Manual de boas prácticas na xestión cultural para espectáculos ao vivo, no cal partimos dunha base recollida no marco normativo e do desenvolvemento das actuacións que debemos realizar para chegar á execución dun espectáculo. 

A situación é moito menos práctica do exixíbel desde o traspaso das competencias nos anos 90 ás comunidades autónomas. Cada un dos territorios desenvolve as súas leis como considera oportuno e, a máis, existen outras leis que protexen dereitos inherentes á actividade, mais non son exclusivas dela.

Isto fai que non teñamos un único corpo normativo sobre o que cinguirnos. 

En gran medida, este contexto determina as boas prácticas, xa que as normativas están para regular o marco efectivo das relacións entre as diferentes axentes da cadea de valor, mais o gran descoñecemento entre as diferentes incursións que hai nos diversos puntos da evolución até a consecución do espectáculo é o que moitas veces non permite que actuemos de modo axeitado. 

O que pretendemos co manual é estabelecer unha orde case cronolóxica dos pasos que debemos dar desde que temos a idea de levar a cabo un espectáculo até que rematamos e facemos esa análise do traballo realizado. 

En cada un deses pasos, que son os capítulos que compón o manual, pomos o foco sobre aquelas cuestións que consideramos que non se están a desenvolver ben ou onde interfiren outras leis. 

Á parte, debemos ter en conta que, por falta de coñecemento ou de nocións de como aplicar as normas, estas cuestións estanse a deixar atrás. En case todos os capítulos hai un aspecto crucial que tratamos ao final, onde pretendemos destacar unha sección importante para o desenvolvemento dos espectáculos e un apartado de sustentabilidade entendida desde calquera punto de vista.

Que malas prácticas son as máis habituais na Galiza? 

Queda moito traballo por facer neste senso, porque ao longo da curta historia da industria cultural na Galiza déronse por boas prácticas que non contemplaban a profesionalización do sector. Na actualidade, que queremos colocar a industria cultural onde se merece, cústanos desenredar toda esta casuística que fomos fraguando ao longo dos últimos anos. 

Sería inxusto pór o dedo acusatorio enriba dun axente en concreto, porque sempre existen eivas a resolver entre as relacións dos mesmos. Mais por exemplo, entre provedores e empresas temos que fomentar o traballo en prezos de mercado, nunca por debaixo dun importe que non permita cumprir cos convenios, tanto por parte das traballadoras e dos traballadores do sector como, sobre todo, polo convenio das e dos artistas. Existe unha gran precariedade que temos que solucionar. 

Tamén detectamos malas prácticas en relación ás contratacións por parte das administracións públicas, cun uso case fraudulento de determinadas fórmulas recollidas na lei de contratación do sector público, onde non se cumpre nin se exixen os niveis de transparencia que veñen ditaminados pola Unión Europea e que debemos potenciar para que o diñeiro público poida chegar a todas as axentes da cadea de valor. 

Na situación actual, como afrontan as produtoras e as artistas do país as dificultades das restricións causadas pola pandemia da Covid-19? 

Nunha soa palabra: incerteza. O sector e a cultura precisan un plan real que nos permita desenvolver as nosas estratexias anuais como vimos facendo desde hai moitos anos para estudar viabilidades respecto ás ofertas e actividades que queiramos realizar. 

Botamos en falta un marco con garantías, tal e como hai noutros sectores, que pode ter as súas confluencias, mais non vemos ningún tipo de esforzo por avanzar neste sentido. 

Pasado un ano do  comezo da pandemia, despois de ter garantido que a cultura non contaxia e que somos un dos sectores que máis medidas e mellor implantación das mesmas soubemos xestionar, creo que comeza a perigar non só o tecido industrial, que é preocupante, senón no sentido cultural, que é máis grave porque moitas propostas empezan a cuestionarse se merece a pena seguir adiante ou se poden sobrevivir a esta crise. 

O ano pasado as salas fecharon e os festivais tiveron que adiarse ou suspenderse na súa maioría, pensa que neste verán acontecerá igual? 

Desde logo as expectativas deste ano non son moito mellor que as do anterior. Acabamos de facer un ano desta situación e aínda non temos claro como actuar. Mentres prevalezan os criterios sanitarios aos económicos, moito me temo que polo menos este ano seguiremos nas mesmas condicións. A pregunta é cantos destes festivais ou salas, ás que se lles pediu un esforzo por comprender cal era a situación pola que pasabamos o ano pasado, van poder subsistir este ano? E máis, como imos responderlle que, aínda a estas alturas, repetindo outra vez a mesma situación, non podemos garantir que poidan desenvolver a súa actividade con garantías económicas para poder subsistir? 

Cal está a ser o papel das administracións para loitar pola situación da cultura?

Se ben existen iniciativas salientábeis que permiten seguir dotando de carga de traballo as industrias e manter o esforzo por continuar coas programacións independentemente das capacidades, o que se precisa agora mesmo, e non se está a ofrecer, son garantías. Garantías para poder programar a medio prazo, pois non podemos vivir coa incerteza de planificar un evento de cara a agosto e non saber cales van ser as normas, as capacidades ou os protocolos a seguir nesas datas, cando falamos dun sector que normalmente traballa a ano vista. O que debemos exixir a todos os estamentos das administracións é que se ditamine un marco de desescalada real para a realización de actividades e que se coide a cultura, base fundamental para o futuro.

Comentarios