Patricia Castelao, a outra autora dos libros de Rivas, Fina Casalderrey ou Ricki Martin

O disco-libro de As Maimiñas, o novo de Fina Casalderrey ou o primeiro libro de Ricky Martin son tamén obra de Patricia Castelao. En todos eles, e en moitos máis que asina, agroma o universo creativo desta singular artista. 

.
photo_camera .

As de Patricia Castelao son ilustracións facilmente identificábeis. As súas personaxes fantásticas, as imaxes que son contos en si mesmas e paisaxes e escenarios literarios definen a obra dunha das principais ilustradoras do libro infantil que leva o seu traballo máis alá das nosas fronteiras. 

As creacións de Patricia Castelao baten nos ollos e quen se achega por vez primeira a súa obra tenta seguir a súa pegada. Autores e autoras literarios gostan de asinar as súas obras canda esta creadora nacida na Estrada que saíu aos medios hai uns meses ao ser a autora das ilustracións do primeiro libro do cantante Ricky Martin Santiago el soñador entre las estrellas, publicado polo selo Celebra pertencente á Penguin e que lle foi contratado a través dunha axencia americana. 

O episodio que deu un xiro a súa proxección pública non altera a conversa de Patricia Castelao. Neste momento, a creadora dálle voltas a súa faceta de pintora, de maneira especial de retratista á acuarela, ámbito no que se atopa especialmente feliz. Malia iso, os libros ilustrados continúan a saír da súa factoría e, nos máis recentes están o primeiro libro disco do dúo As maimiñas titulado Unha viaxe polo mundo (Galaxia) máis Cuca e o abrigo marrón de Fina Casalderrey (Edebé). Asina tamén con Manuel Rivas o libro O sombreiro chicharateiro (Xerais) e con Francisco Castro e Casalderrey O neno can (Galaxia) e tantos outros que levan a súa impronta artística persoal. 

“A maxia do encontro está en que cando alguén fai un texto e a persoa que ilustra aporta algo, dálle movemento á historia”

A imaxe dun xeado

“Comecei a pintar hai tres anos e gústame aprender sempre no que fago. Cada vez esta faceta colle máis terreo pero sigo ilustrando libros e o que me encarguen”, di Patricia Castelao que ten entre as mans poñer imaxes aos xeados dunha casa americana. “É un traballo moi bonito, pode ser que un neno que tome un deses xeados lembre de maior esa ilustración. Traballo con axencias de publicidade e ás veces veñen encargos como este”, cóntanos. Forma parte da súa proxección internacional, que empezou hai sete anos, da entrada en axencias que moven o seu traballo e conseguen contratos que ela xestiona a través de Internet desde a súa casa da Coruña. Maior liberdade atopa nos encargos que lle chegan do país, nos que a súa intervención está menos suxeita a esixencias fronte aos de fóra, máis concretos e fixos. “Tes máis decisión sobre o traballo final fronte ao de fóra que está máis controlado. Cando me sinto máis libre as ilustracións son máis poéticas”, sinala Patricia Castelao introducindo unha palabra que acae a súa produción creativa, a súa condición poética. 

Con Santiago el soñador entre las estrellas, o seu nome sentiuse á beira do de Ricky Martin. Recoñece a ilustradora que tanto na capa como no lombo ou na promoción do libro, a súa sinatura destacouse e deulle un pulo forte á súa traxectoria. Responde, ao seu ver, a unha maior consideración que se está a ter con autores e autoras da ilustración, cada vez máis á par de quen asina a obra literaria. 

“A maxia do encontro está en que cando alguén fai un texto e a persoa que ilustra aporta algo, dálle movemento á historia”, defende Patricia Castelao dun traballo que elabora por ordenador e polo que cada vez é máis recoñecida. Mais tamén conta ela as súas propias historias en ilustracións como algúns fantásticos cartaces de animación á lectura que recrean un universo máxico e misterioso que convida a pegar nos libros. “Neste tipo de traballos, cando podes contar algo, é cando máis sae a parte de autora”, explica, e esa autoría fala dunha muller cunha imaxinación grande e unha fantástica capacidade creativa e artística. 

Comentarios