Patrimonio

Un paso na protección do 'henge' da Roda

A alcaldesa de Barreiros busca accións conxuntas de Xunta e Estado
'Henge' da Roda
photo_camera 'Henge' da Roda

A denominación henge da Roda debe, cando menos ao principio, resultar estraña. Porén, o anglicismo non é caprichoso, senón que vén polo seu carácter único, pois trátase dun tipo de xacemento que até hai pouco só se tiñan detectado nas illas Británicas ou Irlanda. De facto, a da Roda foi a primeira estrutura desta tipoloxía descuberta na Galiza, e tamén en Europa, fóra dos territorios mencionados.

O henge é un tipo de construción neolítica que consiste en movementos de terra en forma de recinto circular cunha canle interna. A Roda é un círculo lítico que data da Idade de Bronce (séculos XVII-XVI a.C., segundo as datacións de carbono). Ten uns 50 metros de diámetro, pechado por un parapeto de metro e medio de alto e 4,5 metros de ancho. O muro de pedra está recheo de terra e pedras de pequeno tamaño, procedentes da escavación do foxo que o rodea.
O descubrimento data de 2006, cando as obras da Autovía do Cantábrico o sacaron á luz. Xa se sabía que alí había un castro,  pero a localización era errónea e as escavadoras deron co muro. As arqueólogas non tardaron en se decatar de que as cerámicas eran anteriores á época castrexa e a estrutura demasiado pequena. En xullo do 2015, un equipo arqueolóxico da Dirección Xeral de Patrimonio confirmou que se trataba dun henge.

Un vencello enigmático

A presenza dun henge na Galiza parece estabelecer un vínculo especial coas illas Británicas, mais o certo é que queda moito por estudar para poder confirmar hipóteses. De feito, non hai  un acordo en canto aos usos do complexo. Situado nunha chaira na baixada do monte, probabelmente en relación coa astronomía, considérase que tivo unha finalidade ritual, servindo como punto de reunión na zona.

Desde o achado durante as obras da A-8, xa teñen xurdido outras estruturas similares en distintos lugares da Galiza. Preto da zona, en Xove, apareceu un círculo lítico no lugar da Lavandeira en 2017, ao que se suman outro en Cervo, en Adai e Coeses (Lugo) ou en Forcarei. Recentemente, en novembro de 2019, apareceu un novo recinto en Castrelo de Miño, o primeiro na comarca do Ribeiro. Actualmente moitos deles están cubertos de vexetación.

Estado de conservación

Do henge da Roda consérvase a entrada, orientada cara ao noroeste, e unha pedra que podería ser un dos menhires que franqueaba a porta. O pasado 24 de outubro, o Goberno estatal comprometíase co Concello de Barreiros a "pór en valor" o monumento neolítico, tal e como se viña demandando ante a situación de deterioro do xacemento.
A estrutura leva anos acusando o abandono das administracións. O goberno galego anunciou un plan de mantemento e conservación en 2009, do que non hai novas. Pola súa banda, o Concello tolerou a utilización do espazo como lugar onde gardar embarcacións de recreo no período invernal. A actual alcaldesa, Ana Ermida, desprazouse o 3 de febreiro á dirección de Patrimonio (Compostela) para propor unha actuación coordinada do Estado e da Xunta, aparentemente con boa acollida.

Comentarios