Un paseo polo Vigo máis indómito, o das clases populares

Unha guía percorre a historia da cidade desde a óptica das clases populares. Se cadra, o verdadeiro sentido da Historia atópase nas marxes nas que o discurso oficial nunca se fixa. Marxes, precisamente, é o título do libro que veñen de publicar Xurxo Martínez e David Rodríguez, para vindicar un Vigo das clases populares, obreiro, nacionalista, feminista e ilustrad0 que contradí máis dun tópico.
O Teatro Circo Tamberlick, onde se estreou a ópera 'O Mariscal'. (Foto: L. Roisin) #omaruscal #vigo #teatro #circo #tamberlick
photo_camera O Teatro Circo Tamberlick, onde se estreou a ópera 'O Mariscal'. (Foto: L. Roisin)

Dar voz aos que non a teñen, aos que non a tiveron. Marxes. Guía ilustrada do Vigo Rebelde (Xerais) mira cara a unha historia que raramente se conta, a do Vigo “humilde, loitador e solidario” do que fala Manuel Bragado no prólogo da obra. E cando falamos de dar voz, hai que subliñar que a expresión é literal: non se trata dunha guía na que un “experto” revestido de auctoritas lles explica ás persoas que len o que sucedeu, senón relatos en que os propios protagonistas do narrado contan o acaecido. Firmemente alicerzados na historia, mais pasados pola peneira da literatura, os relatos que compoñen esta obra articulan unha visión alternativa ás crónicas oficiais para mostrar que existen outras formas de observar o mundo cando se está do lado dos desposuídos. 

Comezando pola revolta Irmandiña e os pouco coñecidos lances do Castelo do Peço e da torre de Busteu, a obra de Xurxo Martínez e David Rodríguez percorre o periplo histórico dunha cidade que nunca renunciou á rebeldía, á contestación, á reivindicación dos dereitos dos desfavorecidos. Moitas desas historias aínda resoan nos ouvidos de hoxe: as manifestacións de Nunca Máis ou o Non á Guerra do Iraq fan parte da memoria contemporánea e é probábel que poucos vigueses ignoren a importancia daquelas demostracións de solidariedade e de coraxe política da cidadanía. Mais existen outros sucesos máis agochados que debuxan unha visión da cidade olívica moi afastada dos tópicos e que os autores recompoñen para reivindicar -tamén eles- o lugar que ocupa no decorrer da historia da Galiza. 

Moitas cidades dentro da cidade

Hai no libro un Vigo republicano: os múltiplos episodios de resistencia despois do golpe de Estado de 1936 -desde os Choróns a Lavadores, desde Alcabre ao Alto da Portela- retratan unha convicción na defensa dos valores da República e unha conciencia de clase que debería ser suficiente para rematar co mito da Galiza que se deixou vencer nada máis comezar a guerra. E a esclarecedora noticia da existencia da cadea do frontón da rúa María Berdiales -onde os fascistas confinaron moitos presos que eran transportados pola noite en camionetas para darlles “o paseo”- segue sendo non sabemos se un tabú ou un asunto coidadosamente silenciado por quen debería encargarse de divulgalo: poucos vigueses saben hoxe da súa existencia. 

Hai -non podía ser doutra forma- un Vigo obreiro, que asoma na lembranza da primeira folga xeral convocada despois da visita de Pablo Iglesias á cidade; na imaxe da Casa do Pobo pola que pasean Heraclio Botana, Emilio Araújo ou Eugenio Montes; na folga das mulleres da fábrica de louza e cristal Álvarez en 1949; na dos estaleiros Barreras en 1972; nas tres folgas xerais de 1984, facendo fronte a aquela sagazmente rexeitada reconversión industrial... 

E hai, non moi afastado deste carácter traballador, un Vigo galeguista e nacionalista que se deixa ver no intento de fuxida do Bou Eva, no que dous curmáns de Castelao trataron de escapar da represión franquista desde o porto; nas figuras do bibliófilo Fermín Penzol e do oculista Antón Beiras; na fundación do Partido Galego do Proletariado; no activismo sindical e cultural de Moncho Reboiras; no labor teimudo e calado do padre Seixas; na impresionante manifestación contra o Estatuto da Aldraxe que pretendía ignorar os dereitos históricos da Galiza.

Hai un Vigo feminista e ilustrado que se reflexa no perfil de Olimpia Valencia, a primeira galega titulada en Medicina e afín ao Partido Galeguista; no de Placeres Castellanos mestra, enfermeira, xornalista e guerrilleira que participou na fundación do Bloque Repubricán Nazonal Galego; no de María Araújo, unha working class hero que encabezaba o Sindicato de Conserveiras.

E hai tamén un Vigo que brilla no panorama da cultura nacional: Marxes recrea un faladoiro no Café Derby no que participan Carlos Maside, Rafael Dieste, Francisco Luís Bernárdez e o propio Manoel Antonio, na súa época de estudante na Escola Naval; revive a estrea de O Mariscal, a primeira ópera en galego -libreto de Antón Vilar Ponte e Cabanillas e música de Rodríguez Losada- no Teatro Tamberlick; detense nas imaxes de Chano Piñeiro, nos versos de Xohana Torres, no estudio de Urbano Lugrís... até chegar ás mesas de mármore do Café De Catro a Catro, onde se reúnen os irmáns Álvarez Cáccamo, Mendez Ferrín, Anxo Angueira, Moncha Fuentes, Cid Cabido, Camilo Gonsar, María Xose Queizán, Francisco Sampedro e tantas outras voces relevantes das letras do país. 

Marxes está ateigado de moitas outras historias emocionantes que poñen de manifesto que hai moitas cidades dentro da cidade. Historias necesarias para coñecernos a nós mesmos e para revisar esa máxima fatal que dita que a Historia sempre a escriben os vencedores. 

Guía para paseantes pola historia

Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde inclúe tamén un mapa da cidade onde se localiza o escenario de  cada un dos relatos para que sirva así de guía. Deste xeito, o volume pódese ler na casa ou, como suxiren os autores, “percorrendo a pé os escenarios vibrantes da memoria popular de Vigo”.

Comentarios