O Pasatempo: a pelota da súa recuperación, ao tellado da Xunta

Deputación da Coruña e Concello de Betanzos van propoñerlle á Xunta un plan para recuperar o emblemático Parque do Pasatempo. 

Betanzos,_Pasatiempo_01-29b
photo_camera Un detalle do Parque [Imaxe: Wikipedia]

A institución que preside González Formoso compromete unha achega do 45% do custe total das obras se a Xunta, que ten as competencias en Patrimonio, achega o outro 45%. Betanzos achegaría o 10% restante e encargaríase da redacción do proxecto técnico. O investimento, que no anteproxecto ascende a 1,3 millóns de euros, abordaríase en dúas anualidades.

Así o acordaron esta mañá, 2 de marzo, nunha xuntanza o presidente da institución provincial coruñesa, Valentín González Formoso, e o alcalde de Betanzos, Ramón García Vázquez. Formoso apuntou que, aínda que a lexislación vixente establece claramente que a conservación do patrimonio cultural e histórico é competencia da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña “está disposta a achegar o seu gran de area para salvar o Pasatempo e devolverlle a dignidade a un espazo de referencia” se a Xunta compromete tamén o seu apoio económico. “É un esforzo que hai que facer”, apuntou.

O parque convertiuse nun campo de concentración na Guerra Civil e foi abandonado durante o franquismo

Neste sentido, o presidente provincial anunciou que ambas institucións acordaron na reunión de hoxe propor á Xunta “que asinemos un convenio a tres bandas, no que Betanzos achegaría o 10% do custe das obras e Xunta e Deputación o 45%, a partes iguais, en dúas anualidades”. 

O acordo incluiría tamén que sexa o Concello de Betanzos o que se encargue da redacción do proxecto técnico a partir do anteproxecto xa elaborado polo arquitecto Xan Casabella, no que se detallan as actuacións a realizar e que estima un investimento cercano aos 1,3 millóns de euros.

O alcalde de Betanzos, Ramón García, manterá mañá venres unha reunión coa directora xeral de Patrimonio da Xunta, á que lle trasladará a proposta formulada por Concello e a Deputación co obxecto de alcanzar un acordo entre institucións que permita acometer a rehabilitación do Pasatempo. 

Historia do desleixo

O Pasatempo foi construído entre 1893 e 1914 polo emigrante de Betanzos Juan García Naveira. Cunha superficie total de nove hectáreas, o parque entrou en decadencia logo da morte de Naveiga en 1933 e, sobre todo, a partir da Guerra Civil, cando se dedica a campo de concentración de prisioneiros republicanos. Na posguerra foi abandonado e sufriu roubos e actos vandálicos durante anos. Nos anos 40 construíuse unha estrada que o atravesaba, deixando a un lado os xardíns e a outro as edificacións. O xardín foi reconvertido en horas e depósito de entullos. 

O primeiro intento de recuperación non chegou até 1986 cando o Concello o mercou para intentar reconstruílo. 

O grupo folc Radio Cos presentou o pasado Nadal o seu segundo disco que se titula 'Pasatempo' e está inspirado no parque homónimo. Segundo Henrique Peón, “gustounos a idea do Pasatempo porque é como unha metáfora da cultura e da música galega: un parque que está abatido polo paso do tempo e o desleixo, pero que se mantén en pé despois de moito tempo e con pezas moi fermosas”.

Comentarios