Participan Aurélia Lassaque e Darío Xohán Cabana

Di(n)versos achega poesía occitana contemporánea á Coruña

A sétima sesión do ciclo Poetas Di(n)versos xunta na Coruña esta segunda feira, 23 de abril, a poeta occitana Aurélia Lassaque e o galego Darío Xohán Cabana. É xustamente a lingua do País d'Oc a que une a práctica poética destes dous autores.
 

Aurélia Lassaque
photo_camera A poeta occitana Aurélia Lassaque.

Darío Xohán Cabana

“Aurélia Lassaque é unha das grandes defensoras da diversidade lingüística e como tal afánase en devolver esplendor á lingua dos trobadores occitanos do Medievo”, explican desde a organización de Poetas Di(n)versos, que dirixe Yolanda Castaño. O occitano atópase “en risco de desaparición” e, porén, a obra de Lassaque “está a concitar o interese de toda Europa”. Foi traducida ao inglés, noruegués, hebreo, catalán, lituano, polaco, macedonio e italiano.

A relación de Darío Xohán Cabana (Roás, Cospeito, 1952) coa lingua occitana deriva do seu labor tradutor. Os cancioneiros medievais occitanos coñeceron o galego da súa man. Poeta, narrador e ensaísta, amais de académico e tamén responsábel da versión galega da Divina Comedia, publicou medio cento de obras.  

O recital de Poetas Di(n)versos, no auditorio do centro Ágora ás oito e media do serán, durará arredor dunha hora. Aberto e de balde, tamén haberá a posibilidade de adquirir libros das convidadas, fornecidas por unha libraría de proximidade. O ciclo enacádrase na programación da Concellaría de Culturas da Cidade.

Nota: foto do poeta galego Darío Xohán Cabana.

Comentarios