ENTREVISTAMOS ÓSCAR LOSADA, XORNALISTA CULTURAL

«Parte da industria musical non valora o noso traballo»

Óscar Losada Castro leva a multidisciplinariedade por bandeira. Músico de vocación e xornalista deportivo e cultural de profesión, tras dar os seus primeiros pasos na desaparecida Radio Cadena e Radio Nacional, está a piques de facer 37 anos escribindo e falando das súas paixóns. Director de publicacións especializadas como Zona Press ou O Dez, está considerado como un dos maiores expertos na música de raíz a nivel galego.
Oscar Losada web
photo_camera O xornalista Óscar Losada dirixe, entre outras publicacións, a revista especializada en baloncesto 'Zona Press' (J.T.)

Óscar Losada conduce desde hai cinco anos Raizame, programa sobre música de raíz -da que é experto- que se emite actualmente pola Radio Galega, logo dunha exitosa andadura por Radiofusión. O seu traballo en Raizame levouno a ser designado xurado da prestixiosa asociación World Music Chart. Alí, xunto a outros 45 especialistas de toda Europa, escolle mensualmente os vinte mellores discos de música tradicional, que en moitas ocasións xa contaron con presenza galega grazas a artistas como Radio Cos, Mercedes Peón ou Uxía.

Como lle explico eu ao meu sobriño que é a música de raíz? 

É moito máis que folk. O folk é unha música que provén do folclore dos pobos, das cousas que están latexantes no seu interior e que son o epicentro de todo, mais cada día existen máis mesturas con diferentes tipos de propostas, novas fusións... Xa non existen compartimentos estancos, como no pasado, o que está moi ben. En antena temos comentado con Guadi Galego que, 15 anos atrás, a xente non entendería certas cousas, como lle acontecera a Rosa Cedrón na Coruña, que estando nun concerto dos Iron Maiden había xente pampa con que estivese alí, como se non puidese gozar desa fusión. Ao final, o artista ten que facer o que quere e o que lle gusta.

Canto evolucionou o xénero desde que era coñecido como 'Músicas do mundo' até o día de hoxe...

Moito, pero, cales son esas Músicas do mundo? Hai quen considera que o bluegrass norteamericano non é Músicas do mundo, pero claro que o é, trátase da música raíz norteamericana. Onde está a diferenza co reggae, por exemplo? Músicas do mundo non é só África ou Asia, como din algúns. E resulta que o folk, como concepto, quedábaselles pequeno a algúns, e de aí o de empregar o termo música de raíz, que engloba moitas cousas, co folclore como base do traballo do artista.  

Está vivo o xénero? 

Hai moita oferta, pero ao mellor non hai tanta demanda. Porén, e deixando a un lado o debate sobre que é ou que non é World Music ou Músicas do mundo, hai unha chea de artistas que alucinas polo mundo adiante, a variedade é brutal, porque hai moita cantidade, e da cantidade sae a calidade. Por iso irrítame e indígname que haxa quen pon a música como na segunda categoría da cultura.

«Irrítame e indígname que haxa xente que pon a música na segunda categoría da cultura»

Na Galiza, a música de raíz celebra a súa festa anual cos Premios Opinión, dos que vostede é o organizador. Cando terá lugar a vindeira edición?

As votacións son a ano rematado, cos discos do ano 2019. Xa que logo, a gala será en 2020, arredor de maio. Un pouco antes, alá por febreiro, daremos a coñecer o nome dos finalistas. Como novidade, o ano pasado engadimos o premio de Mellor Adaptación dunha peza tradicional galega, que complementou as categorías de Mellor Disco do Ano, Mellor Canción Orixinal, Mellor Artista e un premio á Mellor Traxectoria, que leva 12 anos entregándose e que xa gañaron artistas como Fuxan os Ventos, Emilio Cao ou Antón Corral; agrupacións como Cantigas e Agarimos; e técnicos de son como Pablo Barreiro. É unha categoría na que se recoñecen a multiplicidade de cousas que teñen que ver coa música.  

Que tal é a resposta aos premios tanto do público en xeral como do sector?

Hai un respaldo interesante, incluso a nivel institucional da Administración para que se fagan os premios. Do sector... levo 36 anos nisto e resúltame curioso ter que andar ás veces detrás de novidades discográficas, que non me cheguen despois de tanto tempo resúltame... curioso, direi. A min tenme pasado de mandar un correo electrónico a unha banda co gallo do seu primeiro disco para que mo enviasen e non obter nin resposta. O certo é que ás veces teño a sensación de que por unha certa parte da industria da música si que se valora o noso traballo, pero por outra non tanto. 

Ese valorar ou non o traballo alleo por parte da industria tradúcese a outra das súas facetas profesionais, a da crítica musical? 

Partindo da base de que é un traballo do que o único de que se lembra a xente é das malas críticas, a min o rollo do circo do emperador, de polgar arriba ou abaixo, non me vai. Mais, se queremos desenvolver unha industria musical neste país, tamén debe existir unha crítica que valore o traballo, que non diga que todo é bo.  

A súa poliédrica carreira compleméntase co labor xornalístico. Cal é a situación do xornalismo musical na Galiza?. 

Hoxe en día o que hai son resenhas. Moléstanme enormemente na miña profesión os que eu chamo «poñedores de discos». Un programa musical pode ser moitas cousas. Pode contar, por exemplo, a historia de Irlanda por medio de cancións, se es un profesional disto, se es un xornalista, mais se só pos discos ese tipo de cousas non as vas facer... E iso que agora, con internet, a cousa está moi doada: acceso a toda a información do mundo, a tradutores... é só cuestión de poñerlle gañas, de ser profesional e de servirlle á xente. 

Comentarios