O Parlamento súmase ao Día de Rosalía plantando unha figueira procedente da casa museo da escritora

Rosario Álvarez, Miguel A. Santalices, Núñez Feixoo e Anxo Angueira. (Foto: Parlamento da Galiza)

O presidente da Cámara, Miguel A. Santalices reitera  o “inquebrantábel compromiso rosaliano do Parlamento”. Feixoo di que Rosalía é ““símbolo da Galiza que somos”.

O Parlamento da Galiza sumouse á celebración do Día de Rosalía de Castro organizando un acto simbólico consistente na plantación, no xardín do Pazo do Hórreo, dun fillo da denominada figueira de Rosalía, un exemplar centenario que afunde as súas raíces ao carón da casa museo da escritora e que, segundo a tradición, ben puido ter sido enraizado pola autora ou por alguén da súa familia, dado o aprecio que profesaba a esta especie.

Con este acto, realizado minutos antes do inicio da sesión plenaria, o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, subliñou  o “inquebrantábel compromiso rosaliano do Parlamento e de cantos del formamos parte”. Adiantou que a Cámara confía en enriquecer a súa programación cultural coa colaboración estable da Fundación Rosalía de Castro, á que agradeceu a súa predisposición.

O acto foi clausurado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e contou coa actuación do gaiteiro Oli Giráldez, que interpretou a peza titulada Alborada de Rosalía. Tamén interviñeron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e máis o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.

Santalices aproveitou este acto para reivindicar as figuras de outras tres mulleres galegas, “case coetáneas de Rosalía de Castro:  Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e a Juana de Vega”.

O presidente da Xunta animou hoxe a preservar a obra e os valores de Rosalía de Castro, a escritora galega máis universal e “símbolo da Galiza que somos”. Feixoo concluíu lembrando que o galego é a nosa máis grande creación colectiva como pobo e apelou ao consenso de todos para que siga sendo unha lingua viva.