O Parlamento apoia a homenaxe institucional a Blanco Amor

Por unanimidade de todos os grupos con representación, o Parlamento solicita á Xunta a implicación no recoñecemento, divulgación e homenaxe do escritor Eduardo Blanco Amor, de quen se cumpre o 35 aniversario da súa morte en decembro. 

Blanco Amor
photo_camera Blanco Amor

A iniciativa, aprobada por unanimidade no Parlamento, reclama á Xunta que organice ao longo do ano actividades para difundir a obra e a figura de Eduardo Blanco Amor, co gallo do 35 aniversario do seu pasamento. A elaboración de material audiovisual, a organización de congresos e o apoio a investigación sobre a súa biografía e a súa obra son algunhas das propostas que se contemplan na iniciativa arredor dun autor do que se está a levar ao cinema a obra “A Esmorga” dirixida por Ignacio Vilar que está xa en proceso de montaxe.

Recolle ademais a proposición a recomendación da difusión da súa obra e a súa traxectoria a través dos medios públicos e en colaboración co movemento asociativo e as distintas institucións buscando a implicación máxima na conmemoración. Por parte do PP defendeuse a Esmorga como a mellor novela escrita en galego e  os grupos da oposición reclamaron que a proposta que se traslade ao goberno sexa concreta e non deturpe o perfil de Blanco Amor como provocador e irreverente. 

Comentarios