Pardiñas: o festival do encontro, a cultura e a festa

Desde 1979, Pardiñas é o escenario dun dos festivais con máis forza do país. Fieis que se reencontran cada ano e novas incorporacións danse cita arredor dun festival que chega neste inicio de agosto a súa XXXV edición. 

Bloquiño de Xermolos
photo_camera Bloquiño de Xermolos

Desde a sexta feira 1 de agosto, Pardiñas é nome de festival. Coa batukada de Bloquinho de Xermolos e o inicio do Certame cantos de Taberna polos locais de Guitiríz botará a andar un dos festivais máis emblemáticos do país, pioneiro e organizado pola A. C. Xermolos, toda unha institución de promoción da cultura galega. 

Para o sábado ás 17.00 está prevista a apertura da XXI Mostra de Instrumentos de Música Tradicional organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, que abre os obradoiros ao público de 27 artesáns para mostrar os segredos do seu traballo. Iniciarase tamén a XXXV edición da Mostra de Artesanía e desenvolverase a xa tradicional Carreira Popular antes de que a música volva con Bloquinho de Xermolos e os concertos de Radio Cos, Yacine & The Oriental Groove, Eléctric Gozarela e Trapallada nunha xornada que rematará a altas horas da madrugada. 

O domingo, como é de agardar nun festival galego neste ano, Pardiñas abrirase tamén á conmemoración “bravú” coa presentación do libro “Non temos medo” de Rodri Suárez antes do concerto de Eudemónicas. O pregón lerase arredor das 19:00 e será a escritora Mª do Pilar García Negro a encargada da súa elaboración antes que A Quenlla ofreza a súa música ao público asistente.Os concertos da noite comezarán ás 22:00 horas coas actuacións de Niamh ni Charra, de Guauchos. Os Diplomáticos de Monte Alto encargaranse de poñer o peche ao Festival. 

Comentarios