Pardiñas, cando a cultura agroma nun recuncho da Terra Chá

Após 34 anos ininterrompidos de compromiso coa música tradicional e as súas profesións, todos os ollos volven pousarse sobre Pardiñas. A Feira e Festa da Música e Arte regresa co seu espírito orixinario intacto, froito da acción colectiva e da transmisión xeracional arraigada na asociación Xermolos. Distintas figuras da cultura galega e foránea achegaranse entre o 2 e o 4 de agosto ao concello de Guitiriz para arroupar unha programación tan variada como suxestiva. 

 
Festival de Pardiñas
photo_camera Festival de Pardiñas


Nin a fama nin o tempo foi quen de deshumanizar Pardiñas ou de lle arrebatar o seu espírito orixinario. No seu 34 aniversario, a Feira e Festa da Música e da Arte segue a ser un encontro colectivo e artesanal, logrado unicamente coas mans dos seus colaboradores e colaboradoras. A responsábel do evento, a asociación Xermolos, delega agora nos seus fillos e netos o traballo e soños das nais e pais fundador@s. E ese espírito de comunidade empapa ao visitante nada máis poñer un pé na súa extensa paisaxe. 

Entre o 2 e o 4 de agosto, esta pequena aldea de arredor de 100 habitantes do concello de Guitiriz, na Terra Chá, volverá ser a capital da música tradicional e das súas profesións. Unha programación tan variada como suxestiva arroupará unha edición marcada, non entanto, pola limitación dos recursos. 

Como é habitual, o prato forte da cita virá de man dos concertos que, nestes tempos de crise, continúan a ser de balde. E, malia non cinguirse estritamente ao folk, a música de raíz será a protagonista nas táboas. Entre o sábado e o domingo circularán polo seu escenario artistas e bandas da terra como Susana Seivane, Os Minhotos, Coanhadeira, Skarallaos, Dios ke te Crew e Fanfarria Taquikardia. De fóra das nosas fronteiras, chegarán dende Catalunya, Tara, e Harmonica Drems dende O Xapón.

Non só unha festa musical, tamén das letras

Pero Pardiñas é moito máis que unha cita musical. Xa dende os seus albores, preocupouse por poñer en valor outras actividades como a  feira de artesanía- unhas das primeiras do país- ou a mostra de instrumentos tradicionais que, a cargo da Asociación de Gaiteiros Galegos, cumpre 20 anos e estará adicada ao folclore de Asturies e O Bierzo, nesta derradeira edición. 

Aliás, Pardiñas sempre mantivo unha relación moi especial cos escritores e escritoras das nosas letras. Nomes como Manuel María, Avelino Pousa Antelo ou Xosé María Díaz Castro son selo do encontro e a súa habitual presenza reivindicou que a cultura vai alén das instancias institucionais e tamén reside no pobo. 

“No certame literario para nenos desta edición, participaron máis de 600 rapazas e rapaces de colexios das catro provincias galegas”, comenta Branco con orgullo. Para entregar os premios, estarán Xosé Neira Vilas, Marica Campo, Paco Martín e David Otero.

Presentarase, ademais, un traballo de investigación de Xosé Lois García sobre a lusofonía. Tamén se darán a coñecer un guieiro adicado a Xosé Seivane e, outro, en homenaxe a Avelino Pousa Antelo, “o patriarca de Pardiñas” quen, en palabras de Alfonso Branco, “nunca renunciou a vir, incluso cando superaba os 90 anos”.

“En Pardiñas, todas e todos son creadores e artistas”

“É o que ten Pardiñas, que hai tanto nenos como avós e todos o pasan ben”, engade o seu impulsor. E, para logralo, as actividades tentan que todo o mundo participe activamente. Haberá, pois, obradoiros de danza tradicional e construción de palletas, proxeccións audiovisuais, exposicións de pintura, escultura e fotografía e mesmo teatro.

A carreira popular manterase tamén este ano e Peter Punk amenizará a xornada para os máis pequenos. “Quen queira pode vir co seu cadro ou co seu poema.

​En Pardiñas, todas e todos son creadores e artistas”, invita Alfonso Branco. De feito, haberá tamén un palco para espontáneos, no que adoitan xurdir jam sessions á galega e inaugurarase un concurso de cantos de taberna.

Un minuto de música para as vítimas de A Grandeira

“Estes días estamos recibindo chamadas de escritores ou persoas anónimas que nos solicitaron que, nesta edición, rendésemos homenaxe ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois”, explica Alfonso Branco a Sermos Galiza. “Mais farémolo cun minuto de música, no canto dun minuto de silencio”.

E é que no serán do 24 de xullo tamén pereceu un gaiteiro incondicional de Pardiñas. Santi Barral, orixinario de Tenerife “pero galego de adopción” e membro do grupo Xtramonio “tamén estará no recordo desta edición tan especial”, asegura Branco, visibelmente emocionado.

Comentarios