Caderno de Verán

Unha parada na lectura

As casetas deste mercado, situadas nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, gardan antigos tesouros da literatura. Hai quen vai cunha listaxe concreta do que anda a procurar pero o xenial é deixarse sorprender
feiralibroxente
photo_camera As persoas que paseaban pola zona achegáronse á feira (Foto: Nós Diario)

A 49 edición da Feira do Libro da Coruña deu paso á súa irmá pequena: a Feira do Libro Antigo e de Ocasión. O cambio sucedeu nun contexto que ben podería ser útil como punto de partida dalgunha novela, pero até que esa se escriba é boa idea pasar polas casetas a procurar entretemento. 

A este mercado hai quen acostuma a levar apuntamentos do que está a buscar pero senón se vive dentro dese grupo tan específico o mellor é acudir coa mente aberta. Esperando atopar algo nas caixas e estantes... Como neses programas que botan na televisión nos que se dedican a "cazar tesouros".

Todo pode ocorrer, non só nas páxinas dos protagonistas da feira, senón tamén nas previsións de compra do público. 

A presidenta da Federación de Librarías da Galiza, Pilar Rodríguez, insiste nesa mesma premisa: "Polo xeral, a clientela do libro antigo vai buscando algún tesouro ou algo que lle chame a atención". 

Un Código Civil de hai décadas, un volume de botánica, unha novela fóra de catálogo ou mesmo un libro de plantas medicinais como os que tiñan antigamente nas boticas. Que máis se pode pedir? 

Rodríguez subliña que non hai que esquecer que tamén hai obras de ocasión "e hai unha sección bastante zumarenta" para a e o comprador con restos de edicións, ao mellor non tan coidadas, por dous euros o libro. O peto non pode ser escusa con eses prezos. Quen ama a lectura ten a compra feita.

Outra cousa será que na listaxe estea unha edición específica moi difícil de atopar.  Como curiosidade, a representante dos libreiros di que a mocidade pode atopar historia "nos libros da sección feminina".

Comentarios