Unha cita ineludíbel

Para romaxe… Muras!

Muras acolle este sábado unha romaxe que pon en valor o rural. Participan artesás e artesáns da madeira, olaría, ferraría, cestaría... e moito máis. A xornada completarase coas actuacións musicais de Ce Orquestra Pantasma e de Caxade.

caxade

A proposta da Asociación de Obradoiros Artesáns da Terra Chá, o Concello de Muras impulsa este ano a II Romaxe, unha cita na que se porá o valor o traballo de persoas artesás moi vinculadas ao mundo rural na que se poderá ver o labor que desenvolven afiadores, artesáns do coiro, luthiers, ferreiros, teceláns, carpinteiros, escultores... toda unha representación de oficios tradicionais.

“Vai haber unha serie de obradoiros infantís e tamén para adultos e familias, como o impartido por Idoia Cuesta sobre cestaría, e conferencias sobre sustentabilidade. Tamén haberá mostras de xogos populares, como chave, billarda, bolos...”, sinala Manuel Requeijo, alcalde de Muras. Exposicións, baile tradicional e conferencias completarán un cartel que fecha coa presenza de Ce Orquestra Pantasma, Caxade e Radio Cos.

“A idea é poñer en valor o medio rural, que a xente vexa que no rural hai futuro”, sinala o rexedor nacionalista, que informa de que a romaxe terá lugar a partir das 11h na área recreativa da Veiga.

Podes consultar toda a programación nesta ligazón.

Comentarios