A pandemia pode relanzar os autocines

Estes días non se deixa de escoitar a necesidade de afacerse a unha "nova normalidade". Para as persoas amantes do cine, unha boa maneira de adaptarse á nova situación sería poder gozar da sétima arte en pantalla grande en formato autocine. Hai quen está a traballar para que esta idea sexa xa unha realidade.
Autocine (Mr. Misto)
photo_camera Autocine (Mr. Misto)

Galiza nunca contou cun proxecto consolidado de autocine. Agora, nas circunstancias actuais da pandemia e no proceso de desconfinamento, mais cun futuro incerto en relación ás medidas de seguridade neste tipo de espectáculos, pode ser un bo momento para repensar a posibilidade.

As últimas experiencias no país non pasaron de ser anecdóticas. Un exemplo témolo en Vigo, cando en 2012 un empresario do sector pesqueiro quixo abrir un autocine co nome de Diaporama. Marcos Vila traballou nese proxecto desde a súa axencia de márketing e explica a Nós Diario que "era unha proposta seria mais non foi adiante por falta de apoios". O promotor chegou a abrir unha páxina web e outra en Facebook para solicitar adhesións que podían ser desde cinco euros. "Tiña mesmo os terreos no propio centro da cidade e un estudo a respecto de como serían a infraestrutura e os equipos", pon de manifesto. O custo total do proxecto era de 548.257 euros e chegou a contar con 100.230 euros.

Outro exemplo algo máis recente foi o que puxo en marcha un gran centro comercial da Coruña, que instalou en 2018 un autocine no seu propio aparcadoiro. Un espazo polo que pasaron, segundo as cifras da propia superficie, máis de 2.000 persoas. Contaba cunha pantalla de 91 m² e tiña unha capacidade para 172 coches en cada sesión. O propio centro sorteaba, daquela, entradas a modo de reclamo entre as persoas visitantes aos seus comercios, para poder asistir ás sesións de cine.

Autocine.gal

Xoán Mariño, responsábel de Mr. Misto, considera que este é o momento. "Pode ser unha cuestión de apego ao vintage mais hai xente agardando por este tipo de cine", sinala a Nós Diario. Que non callase nunca na Galiza ningún autocine tería a súa explicación. "A zona con máis estabelecementos estábeis deste tipo é a do mediterráneo, que conta con máis horas de luz", explica, "e poden realizar máis pases para poder ser rendíbeis", engade.

Este ano lanzouse con Autocine.gal a levar polas vilas e cidades galegas a estrea de María Solinha, a última película de Ignacio Vilar. "Non é a primeira vez, xa tiven esa experiencia con Pradolongo", lembra. Daquela fíxose cuns equipos para proxectar en exteriores a modo de cine de verán e agora quere apostar tamén polo autocine. "Por agora temos fechadas sesións con vehículos en Verín (21 de xuño), A Rúa (10 de xullo) e Foz (24 de xullo) mais estamos en conversas con máis municipios", informa. 

Permisos e solucións técnicas

Na proposta, a dificultade vén polo lado económico. "Temos que contar cos permisos para proxectar as películas, o alugueiro do terreo e a radiofrecuencia para emitir a película en cada vehículo", explica. Ten a experiencia, ademais, de facelo en Barro, cunha capacidade para 30 coches. Se este verán lle sae ben, non descarta crear o primeiro autocine estábel da Galiza. "Vin outros modelos como o de Xixón, onde abren todo o ano". O futuro da difusión do cine non só pasa por internet.

O nacemento dos autocines: entre a economía e o auxe dos coches

A historia dos autocines vai ligada á dos propios vehículos e do espectáculo cinematográfico. Malia algúns intentos que fracasaron por cuestións de loxística, a primeira proxección neste formato non chegou até o día 6 de xuño de 1933 en Candem, nos Estados Unidos de América. A película que se proxectou ese día foi a comedia Wives Beware, realizada ese mesmo ano por Fred Niblo.

Un cartel rotulado coas letras "Toda a familia é benvida, sen importar o ruidosos que sexan os seus nenos" incitaba a á participar tanto pais como pequenos da casa. O seu custo era de 25 centavos por persoa e outros 25 centavos polo coche. Unhas 600 persoas estiveron nesa histórica velada. Daquela era unha solución máis económica para as que non podían achegarse ao cine coa familia ao completo.

Comentarios