"Teño días", a nova enerxía de Pandeiromus para sermos felices

Os Pandeiromus “teñen días” e o vindeiro sábado 15 de novembro será un dos importantes. Presentan na Feira Ecolóxica de Arzúa o seu novo disco Teño días, catro cancións con moita enerxía e toda a forza da tradición. 

Pandeiromus
photo_camera Pandeiromus

“Teño días”, “Sempre Morgan”, “Sete cuncas” e “Unha muller e outra muller” son os catro temas que Pandeiromus inclúen no seu terceiro disco Teño días, que bota andar agora coa presentación na Feira Ecolóxica de Arzúa mais que xa se pode mercar a través do seu facebook ou en diversos establecementos do país, nunha produción e distribución nova que, segundo defenden, se axusta aos novos tempos. 

Son tres homes. Cantan, tocan e bailan e defínense como un grupo musical que se basea na tradición, na oralidade. Que hai de novo neste Teñen días? “Pois que deixamos de imitar e producir o que facían os nosos antepasados e propomos novas formas de expresión, mensaxes, letras do que se está a vivir”, explica Topo Vidal, un dos tres compoñentes e fundador de Pandeiromus hai xa máis de vinte 

Teñen días porque moitas foron as xornadas nas que labraron esta nova xeira, esa nova maneira de facer e compoñer o seu propio discurso poético. Xavier Picallo púxolle letra á canción e a eles pareceulles acaída para darlle  nome a este novo disco, o terceiro asinado por un grupo que se deu a coñecer con aquel inicial En conserva

"Deixamos de imitar e producir o que facían os nosos antepasados e propomos novas formas de expresión, mensaxes, letras do que se está a vivir”

Ritmo e enerxía son as claves das súas cancións. A manda vén tamén da tradición. “A música fíxose para alegrar o espírito e o corazón, para bailar. O de escoitar é cousa nova. Antes era un complemento do baile, unha forma de expansión. O que nós fixeramos tiña que ser para bailar e para iso non hai como a rúa”, di Topo Vidal, e con esta filosofía non tarda en aparecer o nome de Morgan, o taberneiro-músico de Compostela que dá nome a un dos temas e é indiscutíbel referente para a banda. “Era unha enciclopedia e foi mágoa que marchara sen transmitir todo o que tiña. O que nos ensinou é a diversión, que a música era unha canle extraordinaria para ser felices”, evoca Vidal. 

Agardan o resultado desta nova aposta, do CD a baixo custe e con catro cancións que comezan agora a distribuír. De todas maneiras, anticipos xa teñen. Co adianto do tema “Unha muller e outra muller”, con letra reivindicativa e feminista escrita por Séchu Sende conseguiron en moi pouco tempo máis de seis mil visitas. 

Os homes tamén cantan

Eles, que se iniciaron na recollida da tradición hai tanto tempo, que partillaron de agrupacións tradicionais como Brincadeira, están en condición de botar abaixo o cualificativo de “singulares” para os homes que cantan e tocan a pandeireta. “Iso é un estereotipo do que como investigador discrepo. Antes non existían grupos de pandereteiras. Eran os homes os que tocaban fóra e ían coas pandeiretas ás festas. Son os que se movían e, á vez, os que menos gardaron. Foron as mulleres que quedaban nas aldeas, nas casas, as que gardaron a nosa tradición musical. O home, ao ser máis volátil, fixaba menos as cousas”, explica Topo Vidal, que recupera a tradición dos grandes cantadores e pandereteiros que tivo a música galega. Polo tanto, ao seu ver, a aparición de Pandeiromus, Davide Salvado, Radio Cos ou Maghúa, entre outras propostas masculinas de canto e pandeireta, non responde á normalidade senón á “xustiza e normalización con respecto á tradición”. 

"Unha muller e outra muller", con letra de Séchu Sende, acadou miles de visitas na rede en poucos días

En todo caso, o tradicional é o moderno? “Pois é porque nós vivimos a forza que tiñan os nosos antepasados. Vivimos non só a música senón a forma de expresión. Un sentimento, un aturuxo, un baile... estivemos con eles cando choraban, fomos sachar e mesmo acompañámolos aos enterros. A xente que viviu aquela recollida levamos moi dentro, enraizado dentro de nós esa forza e cando saímos do país vemos que quedan estupefactos coa nosa enerxía”, defende Topo Vidal a quen non lle custa responder cun “non teño ningunha dúbida” á pregunta se é esa tradición a mellor baza para exportar a nosa cultura fóra. “É como se queremos vender redución de mexillón en Alemaña. Diranos que temos os mellores mexillóns e non ten sentido algún que os “reduzamos”. Temos que valorar o noso. Vexo que só cunhas cunchas a xente queda embobada. Esa forza, esa enerxía, é a nosa mellor maneira de presentarnos”, conclúe. 

Desa materia está feita Pandeiromus. Desa forza da tradición, da condición festeira da música, da necesidade de tocaren para seren felices, en conexión directa con aquela encomenda que vén das xeracións precedentes: cantar, bailar e pasalo ben.

Comentarios