A pandeira volve reinar nos Ancares nas mans das mulleres tocadoras de Lugo, León e Asturies

Piornedo acolle o 27 agosto da Festa da Pandeira, unha oportunidade única para se abraiar cun instrumento telúrico coma poucos. 

pandeira 3
photo_camera pandeira 3

Piornedo (Donís) acollerá a finais de agosto unha nova edición da Festa da Pandeira, un instrumento tradicional dos Ancares galegos e das zonas veciñas de León e Asturies. De maior tamaño que a pandeireta, é un instrumento “empregado durante séculos para acompañar o canto das mulleres”, como sinalan desde a organización da Festa da Pandeira, que tradicionalmente corre a cargo de AC 'O Teixeiro' e o grupo 'Pola Vila'. O ano pasado déronse cita 15 tocadoras, todas mulleres: de Donís (Galiza) a Lumeiras (León), pasando por Degaña (Asturies), mulleres tocadoras que levan décadas coñecendo o segredo da pandeira.

A XI edición desta festa decorrerá o 27 de agosto. Comezará ás 13:00 horas coa acollida das tocadoras, para dar paso ao xantar de convivio. Pola tarde, a partir das 17:00 horas, terán lugar as actuacións e xa cara a noite, sobre as 20:00, será a quenda do baile no local da A.C. O Teixeiro (“podes bailar e tocar os teus instrumentos!”). Ao que porá o ramo unha chocolatada!

De maior tamaño que a pandeireta, é un instrumento “empregado durante séculos para acompañar o canto das mulleres”

No traballo Os instrumentos musicais na tradición galega as pandeiras defínense como “pandeiros redondos (duns 40-50 cm de diámetro e 8-12 cm de alto) que levan algunhas ferreñas inseridas no marco (…) consérvase aínda o uso destes instrumentos, intimamente ligado ao canto, sobre todo feminino, aínda que tamén os homes as empregaban”.

Na edición de 2015 a tocadora homenaxeada foi María González, de Trabau (Degaña, Asturias), nada en 1932. Entre os seus méritos cúntanse ter un disco editado xunto ca súa irmá Arcides, aparecer varias veces en televisión, protagonizar artigos de prensa, impartir cursos de pandeira e canto, ter realizado un bon número de recitais e conceder entrevistas a innumerables folcloristas interesados en recoller as súas habilidades tocando e cantando.


 

Comentarios