Pallasos honoris causa

Captura de pantalla (43)

El Compostelano de 3 de setembro de 1928 infórmanos do “curioso caso” dun pallaso que tornou doutor honoris causa pola universidade de Budapest. Trátase de Karl Adrien Wettach, o suízo que, na primeira metade do século XX se converteu na estrela do entretemento europeo co nome de Grock, o pallaso. Músico virtuoso, podía tocar 24 instrumentos, as súas actuacións estendéronse por boa parte de Europa, até o punto de ser denominado o rei dos pallasos, denominación que aproveita para a súa autobiografía: As memorias do rei dos pallasos.

Na Galiza non debeu actuar, mais si en Madrid, a xulgar pola información de El Compostelano, novembro 1932, que nos confirma tamén que no Salón Teatro se proxectou o filme A vida de un grande artista, en xuño de 1933.

Captura de pantalla (44)A proxección foi presentada como un verdadeiro acontecemento cinematográfico, chamando a Grock “formidábel pallaso, único no universo”, nesta que era a primeira vez que pasaba do circo á pantalla, un “drama na máis pura acepción da palabra”. O filme tamén se proxectou en Vigo, no García Barbón, o 5 de outubro de 1933, en tres funcións desde as cinco da tarde. Igual que acontecera en Compostela é caracterizado como “o máis xenial de todos os pallasos do mundo” . 

En outubro de 1954 produciuse a súa retirada de escena, tomada polas estacións televisoras alemás. Tiña 74 anos e del díxose que foi o único que fixo rir a Hitler e a Charlot.

Na primeira década do século XX traballou como preceptor do Conde Esteban Bethlen, primeiro ministro de Hungría entre 1921 e 1931, hábil representante do conservadurismo húngaro, contrario á ampliación de voto e a todo tipo de reforma agraria. Non sabemos se foi esta experiencia a que o motivou para exercer de pallaso.

Grock recebeu o doutorado en Filosofía. Facer rir é algo moi serio e o pallaso fai visíbel o pensamento máis fondo, sintetiza o acto de pensar.

Diferente é facer pallasadas.

Comentarios