'O último bufón' repasa 40 anos de traxectoria

O pallaso Leo Bassi actúa en cinco datas en Galiza

Catro décadas sobre os escenarios -non exactamente: Leo Bassi actúa en calquera lugar en calquera intre- forman a base do Último bufón, o espectáculo que o cómico de orixe italiana presentará este mes en Galiza. En Ourense, no Miteu, o 18 de abril será a primeira de cinco datas na súa xira galega.
 

leo bassi 2
photo_camera Leo Bassi.

O último bufón nace dun descubrimento da irmá de Bassi (Nova York, 1952). En 1896, os irmáns Lumière filmaron o seu bisavó e o seu tío mentres traballaban no Circo Rancy en Lyon. Segundo indican  dende Culturactiva -a compañía que promove os pases galegos de Bassi-, trátase “probabelmente das primeiras imaxes en movemento de pallasos da historia”.

Leo Bassi procede dunha “antiga liñaxe de comediantes excéntricos e de pallasos circenses vindos de Italia, Francia, Inglaterra, Austria e Polonia”. Aínda que se fixo popular no Estado español a través da televisión, o seu labor cómico -de estirpe libertaria, sempre en oposición aos poderes- ten fondas raíces no circo do século XIX.

Despois de Ourense, Bassi parará en Compostela. Será o 19 de abril no Teatro Principal e suporá o seu regreso a unha capital en que fora censurado polo alcalde Gerardo Conde Roa, do PP, en 2012. O 20 de abril irá a Culleredo -edificio de servizos múltiples-, o 21 a Vimianzo -no auditorio da Casa da Cultura-, e rematará en Burela o 22, na Casa da Cultura.

Comentarios