Poetas Di(n)versos o 13 de maio

Pallarés e a estadounidense Mary Jo Bang len poemas na Coruña

A penúltima sesión do curso de Poetas Di(n)versos xuntará na Coruña dúas potentes voces femininas, a de Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) e a da estadounidense Mary Jo Bang (Waynesville, Missouri, 1946). Será esta segunda feira, 13 de maio, no Auditorio do Centro Ágora.
 

pallarés mary jo bang
photo_camera As poetas Pilar Pallarés (esquerda) e Mary Jo Bang. Fotos: Poetas Di(n)versos.

Cinco libros avalan a escrita de Pilar Pallarés. O último, Tempo fósil (Chan da Pólvora, 2018), atópase entre os máis celebrados da literatura galega recente. Íntima e preciosista, e no seu último tramo tamén comunal, a súa obra marcou unha vía propia na poesía galega dos 80 e serviu de avanzada a non poucas autoras e autores das seguintes promocións. “Eleva a lingua galega a altas cotas de excelencia artística”, di a organización do recital, que dirixe a poeta Yolanda Castaño para a Concellaría de Culturas da Coruña.

De Mary Jo Bang poderase escoitar, ademais de á propia escritora, as traducións ao galego dos seus poemas a cargo de Yolanda Castaño. A “enerxía lingüística, a sutil imaxinería e a técnica innovadora” que, segundo certa crítica, caracteriza a súa poesía, publicada en nove títulos. O último, Unha boneca para guindar: poemas (2017), inspírase na fotógrafa da Bauhaus Lucia Moholy-Nagy e fai “saltar á palestra a invisibilización do traballo das creadoras”.

O acto comezar ás oito e media do serán. Unha libraría da cidade dispoñibilizará a venda de libros das poetas, que ademais se prestarán a asinalos.

Comentarios