Palabras con memoria: palabras do laborando

colleita, viño, ribeira sacra, uvas
photo_camera Imaxe da colleita de uva na Ribeira Sacra. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

asoar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Arrincar de raíz unha planta.

Exemplo.- "Tiraba dela para arriba, asoábaa."

Lugar de escoita.- San Martiño (Vilaboa do Morrazo).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

birlo.- (Ademais de significados xa rexistrados) Gromo, abrocho, rebento.

Lugar de escoita.- Concello de Cambre (A Coruña).

Fonte.- Víctor Torreiro García.

bruma.- (Ademais de significados xa rexistrados) Brote, gromo, rebento.

Exemplo.- "Está a botar unhas brumas no orillo das follas."

Lugar de escoita.- San Martiño (Vilaboa do Morrazo).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

cimo.- (Ademais de significados xa rexistrados) Anaco de vimbio para atar as viñas.

Exemplo.- “Hoxe espodei as vimbias en verghas e cimos e tirei os rastoballos.”

Lugar de escoita.- Arbo.

Fonte.- Pedro Salgueiro Sexto.

coroucho.- Espiga de millo malograda.

Lugar de escoita.- Cerceda.

Fonte.- Belarmino Bello Villaverde/ CPI O Cruce de Cerceda..

granar.- Ter moita colleita calquera tipo de planta ou árbore.

Exemplo.- "Este ano o pan está moi granado."

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- Toño Núñez.

Comentarios