martes 20/10/20

Palabras con memoria: onomatopeas diversas

EuropaPress_3317669_cerdo
Na tradición galega hai varias palabras para chamar aos porcos. (Foto: Europa Press)

apof.- Interxección que expresa sorpresa.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

axoar.- (Ademais de significados rexistrados) Afalarlles, berrarlles ás bestas para que vaian rápido. Tamén se di que as bestas andan 'axoadas' cando están intranquilas.

Exemplo.- "As bestas están axoadas porque esta mañá xa andaron tras delas.”

Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada)

Fonte.- Glosario da Rapa de Sabucedo de Manuel Cabada Castro e Roi Vicente Monteagudo.

Outros apuntamentos.- Indica o informante que un compañeiro o escoitou alí e adoptou esa palabra.

curí (repetido: curí, curí).- Variante de curín e curricho, voz para chamar o porco.

Lugar de escoita.- Gondaísque (Terra Cha).

Fonte.- Antonio Eimil.

grouch.- Voz que se usa para incitar a beber ao gando vacún.

Lugar de escoita.- Maside.

Fonte.- Cesáreo Sánchez Iglesias.

llin!.- Voz utilizada para chamar os porcos.

Lugar de escoita.- Meiraos (O Courel).

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

sascoar ou sascuar.- Tornar, iscar os animais.

Exemplo.- “Sascoa o ghato de aí, que vai entrar na cociña e enche a comida de pelos.”

Lugar de escoita.- Coucieiro (Val do Dubra).

Fonte.- Hortensia Vázquez Fraga.

comentarios