venres 23/10/20
Cultura

A palabra protagoniza o ciclo De Perto nunha edición "un pouco menos próxima"

De 1 a 18 de xullo contos, poesía e moito máis danse cita no Barco de Valdeorras
Espectáculo na pasada edición do ciclo De Perto no Barco de Valdeorras.
Espectáculo na pasada edición do ciclo De Perto no Barco de Valdeorras.

En tempos de virtualidade crecente e clamor polo distanciamento social, hai quen continúa a teimar na aposta, se cabe con máis decisión, na proximidade. Así o reivindica o ciclo De Perto, que ten a defensa do encontro entre artista e público como trazo fundamental. Con todo, o técnico de cultura do concello do Barco de Valdeorras, Gustavo Docampo, admite que se cadra esta edición, que terá lugar entre o 1 e o 18 de xullo, vai ser "un pouco menos 'de preto' que as anteriores", mais continuarán mantendo esa vontade na medida do posíbel.

Debido ao seu formato pequeno e exterior, case non houbo que modificar a programación prevista, se ben é certo que todas as actividades se aglutinaron no mesmo espazo, cando antes estaban máis espalladas. Será o xardín da Casa Grande de Viloira o destino que acollerá o total dos eventos desta oitava edición do festival.

Malia o mantemento dos espectáculos, houbo que tomar algunhas medidas a maiores para garantir o distanciamento a e hixiene do recinto, como aplicar unha limitación das asistentes a un máximo de 100.

É por isto que Docampo considera que vai ser unha proposta "confiábel", sobre todo grazas ás características "abertas" do lugar escollido. Tamén comenta que nestas circunstancias unha das principais preocupacións é a desinfección dos equipamentos e sitios empregados, algo que farán con rigor. 

Pequeno formato, proposta de futuro

"É máis doado recuperar as artes escénicas nun espazo pequeno coma este, sobre todo agora coa chegada do bo tempo", comenta o organizador. Así, semella esta unha alternativa para volver a ese degoirado directo, cando menos nos "espectáculos que o permitan", xa que o programador entende que haberá algúns nos que certos aspectos, como a creación dunha atmosfera lumínica axeitada, fagan máis complexa a súa adaptación a exteriores.

De perto fai alusión a esa dimensión física do directo que Docampo considera cada vez máis importante reivindicar, en especial atendendo á crecente relevancia dos medios dixitais como parte das nosas vidas, polo que estoutra sorte de "lugares para o real van ser moi significativos", aventúrase a vaticinar.

A palabra volveuse central

A palabra, a través da oralidade, converteuse no eixo central deste encontro artístico. Con esta referencia a programación non se cingue exclusivamente a formatos de narración oral, senón que aposta tamén na presenza da poesía, da música ou das artes escénicas. As poetas Tamara Andrés e Samuel L. París ou a cantante Faia presentarán as súas propostas. O ciclo contará coa participación de grandes nomes da narración oral galega, como os contos talasocráticos de Xurxo Souto en Océano para terrícolas; Celso Sanmartín, Jose Luis Guitierrez (Guti) e Quico Cadaval con Tres vellas (polo menos), o 18 de xullo a modo de clausura; ou o trío formado por Carme Conde, Vero Rilo e Ángeles Goás co seu Divas de Diván, o 15 de xullo. Tamén recunca Momi Ogalla acompañado de Victoria Siedlecki, o 10 de xullo.

"Necesitamos atoparnos de novo, sentirnos parte do colectivo máis que nunca, comunicarnos, emocionarnos coas historias e as vidas que as palabras transportan", reivindica a organización

Segundo explica Docampo, esta fórmula foise "definindo ao longo do tempo, pois o festival naceu sen unha vocación moi clara". Ao principio era un contexto máis aberto, no que había "máis presenza de grupos de música locais" e menos concreción da propia fórmula. Porén, a partir da terceira edición comezou a escorar cara a esta relevancia central da verba que hoxe o identifica, un "lugar común" no que organización e asistentes descubriron a harmonía, algo que hoxe De Perto reclama con especial atención: "Necesitamos atoparnos de novo, sentirnos parte do colectivo máis que nunca, comunicarnos, emocionarnos coas historias e as vidas que as palabras transportan".

comentarios