Unha palabra e unha flor para Avelino Pousa Antelo no seu centenario

O próximo 14 de maio Avelino Pousa Antelo cumpriría cen anos e, para lembralo estase a organizar un acto “de amor e memoria” que terá lugar ese mesmo día ás 19 horas no paseo Avelino Pousa Antelo dos Verxeis, no Concello de Teo. 

Avelino Pousa Antelo
photo_camera Avelino Pousa Antelo

Unha palabra e unha flor. É o que piden desde a organización a quen asista o vindeiro 14 de maio á homenaxe que se lle vai tributar no paseo que leva o seu nome nos Verxeis, no concello de Teo. Será na mesma data na cumpriría cen anos e, con ese motivo, o “acto de amor e memoria” reunirá ás persoas próximas nun acto afectivo de lembranza. 

A música virá da man do gaiteiro Raul Galego, de Mini e Mero e de Miro Casabella e no acto intervirán tamén Xoán Xosé Fernández e Esperanza Mariño -moi vencellados a Pousa Antelo- a Mesa pola Normalización Lingüística, coa que el se mostrou sempre comprometido, algún representante da familia e do Concello de Teo ademais de tres nenas da Comunidade de veciños dos Verxeis onde residiu os seus derradeiros anos. 

Acto aberto e afectivo

O xermolo da organización está nas persoas que compoñen a Irmandade Manuel María á que se sumaron algunhas persoas especialmente relacionadas con Avelino Pousa. Un dos promotores do acto é o escritor David Otero, que partillou co homenaxeado iniciativas, propostas e moitos momentos da súa vida. “Naceu o 14 de maio de 2014 e gabábase de ser da quinta do fillo de Castelao”, comenta Otero ao tempo que anuncia que van aproveitar a data para presentar a xestora da Irmandade Avelino Pousa que se presentará, xa constituída, en agosto, cando se conmemore o cabodano da súa morte. 

“Será un acto aberto, ao que se pode sumar todo o mundo, mais queremos que teña tamén ese sentido familiar, de afecto e por iso pedimos que quen asista traia unha flor e unha palabra”, comenta, dunha iniciativa que se concluirá tamén en agosto, cando se lea o texto que comporán algúns escritores coas palabras aportadas. Para agosto analizarase a figura do Avelino Pousa político, ao igual que o pasado ano se reflexionou sobre o seu papel como mestre. 

Para David Otero, co paso do tempo, a figura de Pousa Antelo vaise “expandindo. Como defensor que era da teoría do Partido Galeguista do  36 non teño dúbida do seu compromiso político que pasou do galeguismo ao nacionalismo e moveuse sempre en plataformas como Queremos Galego, A Mesa ou o Bloque e, hoxe non dubidaría da súa militancia en Galiza pola Soberanía”, defende. 
Cun compromiso constante na recuperación da nosa memoria histórica, para David Otero, Avelino Pousa “non estaba situado na nostalxia daquel galeguismo senón no anceio de que a soberanía de Galiza fose unha realidade”.