Caderno de Verán

Pajarito, pallasa: "A obra é máis emocional neste novo mundo"

O municipio de Vilagarcía de Arousa acolleu unha nova edición do FestaClown. 
pajarito
photo_camera A humorista Pajarito nunha actuación anterior no FestaClown (Foto: Cedida)

Con que vai participar no FestaClown?
Un proxecto no que me metín este inverno. Quería facer un espectáculo novo sen palabras: está entre o mudo e os sons. 

É moi distinto ao que fixo até o de agora?
Si. É unha preestrea porque é o primeiro test co público após o proceso de investigación. 

Vai estar en constante evolución?
No proceso de investigación cheguei até este punto mais quero que siga evolucionando até estrealo a tempada que vén. Mais calquera espectáculo de clown segue evolucionando por si mesmo.

Canto tempo leva creando 'Isolada'?
Comecei en decembro. Saín a facer un par de cursos. Tomei a decisión de que o corpo xa me pedía embarcarme nunha aventura nova e fun a reformarme porque estamos en constante evolución. 

Cal foi a inspiración?
Da investigación saíu unha frase de Euxenio Granell que levaba moito tempo formando parte da miña vida: "A muller nena habita nunha illa afortunada". Metínme no mundo das metáforas e apareceu o concepto da illa. As pallasas e os pallasos vivimos moito do público e, entón, é como unha sinerxía de enerxía. Pensaba: nunha illa como é o contacto se non podo ir nin o público vir?

Foi unha idea previa á aparición do coronavirus. Axudou o confinamento?
A verdade é que non o sei. O que colleu foi un ton máis presente. O que lle pasa a unha pallasa cando está tan lonxe era unha idea, un concepto. No confinamento non estiven creativa mais, ao rematar e atoparnos con este novo mundo, de súpeto converteuse nun traballo máis emocional incluso.

Está pensado para todos os públicos?
O humor canto máis universal é máis abarca no sentido de idades e ideoloxías. É para todos porque ten varias lecturas.

As mulleres séntense iguais no mundo do clown?
Antes estaba cuberto máis polo mundo masculino. Cando eu comecei hai 20 anos non había moitas mulleres mais agora hai unha rede incríbel de mulleres pallasas que están ocupando ese lugar que nunca fora de ninguén. 

Comentarios