O país do millón de gasosas

Carmela Sánchez Arines é historiadora e anda á procura dos centos de fábricas de gasosas que había no país. Ti podes axudarlle a conseguilo. 

gasosas
photo_camera [Carmela Sánchez Arines]

Todo naceu da curiosidade: “Na Estrada, de onde son, había catro fábricas diferentes de gasosas, así que imaxinei que en Galiza debería haber moitas máis. Son historiadora da arte e quería saber como eran os deseños das botellas, a tipografía...”, explica Sánchez Arines, directora da empresa Etnoga Patrimonio Cultural, aínda que subliña que esta é unha teima “persoal”. 

Así que decidiu poñer en marcha unha enquisa en Internet para que a xente lle indicara cal era a gasosa da súa zona. O conto fíxose viral e en poucos días xa conseguiu que máis de 300 persoas lle enviasen os seus datos. Polo de agora aínda non sabe o que vai facer con eles, ademais de procesalos. Quizais un artigo, un mapa interactivo, quizais algo máis. “Este é un punto de inicio e non sei como vai rematar. Como historiadora considero que é patrimonio industrial”, indica. 

O 'crowdsourcing' (achegas de datos por parte da multitude) funcionou e Carmela xa pode ampliar a listaxe previa de empresas coa que comezou a traballar, que sobrepasaba o cento en todo o país. “Só en Verín había cinco marcas diferentes, en Vilagarcía outras tantas; e por provincias tiña de comezo 21 na Coruña, en Lugo 17, en Ourense 29 e en Pontevedra 57, e supoño que haberá moitas máis”.

Susana S. Aríns: “Gostamos de falar em bebidas refrigerantes porque é falar das nossas infâncias em casas de avós que já não estão"

Aquel país do millón de gasosas xa non existe, e hoxe esta bebida foi substituída por outros produtos máis globalizados. No sector tamén se deu un proceso de concentración, e hoxe o mercado fica en mans de poucas marcas, como La Pitusa, Revoltosa ou La Casera, segundo nos conta Sánchez. 

“A verdade é que non sei cal é a razón do éxito do chamamento”, recoñece, “supoño que é un tema no que temos todos sensibilidade porque nos conecta coa infancia”.

A infancia e un mundo que xa non existe parecen ser as claves. A súa irmá, Susana Sánchez Aríns, poeta, reflexiona ao respecto do tema no seu blog 'Dedos como vermes': “Gostamos de falar em bebidas refrigerantes porque é falar das nossas infâncias em casas de avós que já não estão. Assim vinhemos a saber que a memória não é sólida nem líquida. A memória é gasosa”.

Comentarios