Centos de actos conmemoran o Día de Rosalía

Un país a celebrar a súa poeta

Centos de actos lembran a poeta nacional galega. Desde o Parlamento até as Deputacións pasando por numerosos concellos, entidades públicas e privadas e centros de ensino súmanse a conmemoración da data en que naceu Rosalía de Castro.

Cesáreo Sánchez, Anxo Angueira, Rosario Álvarez e Víctor Freixanes, xunto ao grupo Carapaus, no acto de onte no Parlamento (Foto: AELG)
photo_camera Cesáreo Sánchez, Anxo Angueira, Rosario Álvarez e Víctor Freixanes, xunto ao grupo Carapaus, no acto de onte no Parlamento (Foto: AELG)

O Día de Rosalía xurdiu como unha proposta da Asociación  de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG): agasallar cunha flor e cun libro en galego as persoas queridas para celebrar a literatura do país. Mais a idea prendeu na sociedade, que tomou a dirección e que transformou a data nunha festa que lembra Rosalía e a súa obra mais tamén festexa a lingua e a cultura da Galiza.  

Actos por todo o país

A AELG segue mantendo a invitación a agasallar un libro galego e unha flor nesta data, pero ademais organiza unha ofrenda floral diante da tumba da escritora, no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval (Compostela), que este ano terá lugar o sábado 25. No acto lerase o manifesto redactado pola filósofa e ensaísta Carme Adán.

As poetas Marta Dacosta e Cruz Martínez lerán o manifesto en Vigo, hoxe mesmo, ás 17 horas, no acto que a AELG e a Asociación Cultural O Castro organizan na porta do que foi a imprenta de Juan Compañel (rúa Real, 12), onde se imprimiu, en 1863, a primeira edición de Cantares Gallegos, cunha ofrenda floral e lectura pública de poemas de Rosalía. 

A  primitiva  proposta  da  AELG medrou e recolle agora numerosos  programas. Así, a Fundación Rosalía organiza alboradas en Padrón e Santiago, unha ofrenda floral nas proximidades da casa onde naceu a autora, na praza de Vigo de Compostela, e promove o "Caldo de Gloria", unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde, que conseguiu este ano a adhesión de máis 400 locais hostaleiros e máis de 70 comedores escolares, ademais de concellos e empresas de toda a xeografía galega. 

O Parlamento de Galiza conmemorou esta cuarta feira a data cun acto de homenaxe que contou co presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e os presidentes da AELG, Cesáreo Sánchez, da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, ou do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, entre outros. 

Tamén o Goberno galego -até hai un ano reticente ante esta efeméride- conmemora durante todo o mes o nacemento de Rosalía a través da Rede de Bibliotecas Públicas da Galiza, dos Centros de Estudos Galegos ou dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros escolares. 

A Deputación da Coruña, pola súa parte, organiza, coa colaboración do Concello de Santiago, o Festival Rosalía 2023, dúas xornadas cun amplo e diverso programa de actividades. 

Igualmente, a Deputación de Pontevedra celebra a data con senllos actos no Pazo Provincial o 23 de febreiro, ás 17.30 horas, e na sede de Vigo o 24 de febreiro, ás 19 horas. Será un espectáculo multidisciplinar conducido pola actriz Mónica Camaño, con ilustración, poesía e música. 

Algúns concellos comprométense coa data de forma especial: Brión ou Vilaba, por exemplo, dedican un amplo programa de actividades á efeméride; Pontevedra programa música, poesía e unha xornada astronómica de busca da estrela Rosalía en colaboración coa asociación astronómica Sirio; a Universidade de Vigo organiza un acto centrado no xénero musical da zarzuela galega... 

Son só algúns exemplos de diferentes formas de celebrar unha efeméride á que se suman concellos, deputacións, universidades, entidades públicas e privadas e centros de ensino e que serve para que Rosalía sexa un pouco menos "estranxeira na súa patria".

Comentarios