Paco Souto, o poeta e activista

Alén de percebeiro e concelleiro do BNG, Paco Souto era un coñecido poeta e activista cultural. Ademais de moi querido, á vista da grande cantidade de condolencias que están a abanear as redes sociais. 

1437982224089PacoSouto-por-DistritoXermar-2015-03
photo_camera Paco Souto [Foto: Distrito Xermar]

Conmoción absoluta no mundo da cultura que se manifestou nas redes sociais en canto se deu a coñecer o nome do percebeiro morto. "Consternado. Alén das palabras escritas escintilas na memoria das persoas que tivemos a sorte de coñecerte. Con dor, ata sempre", así despedía ao poeta Ramón Nicolás, crítico e escritor. Mentres, Marilar Aleixandre dicía: "Loito na Costa da Morte. Morreu Paco Souto, poeta, amigo, activista pola lingua e pola cultura na Costa da Morte". E Miro Villar, compañeiro de aventuras poéticas, tamén o despedía cun poema da súa feitura. 

Fran Alonso, con quen ten compartido páxinas, lémbrao "nunha área de servizo da autoestrada, impactado pola morte do poeta amigo e compañeiro Paco Souto. O mar recolle a túa voz e xenerosidade". Ou Antón Dobao: "Unha traxedia desoladora a morte de Paco Souto. As letras, de loito. A súa xente nunca o esquecerá. Todo o afecto para os seus".

Referencia na Costa da Morte 

Paco Souto (A Coruña, 1962) tivo unha intensa actividade cultural, sobre todo focalizada na Costa da Morte. Foi coeditor de Letras da Cal e de Edicións do Dragón, onde publicou con Adriana Castro 'DousfF bocetos' e con Fran Alonso e Miro Villar 'A rota dos Baleeiros'. Ten acadado, entre outros, os premios Espiral Maior 1994 por 'As árvores do incesto' e o Johán Carballeira do Concello de Bueu 2006 por 'As horas de María', ambos os dous publicados por Espiral Maior. 

Ten publicado seis poemarios en solitario: 'As árvores do incesto' (1995, Espiral Maior), 'Fado' (Letras da Cal, 1998), 'Crebar cristais coa lingua' (A.C. Caldeirón, 2003), 'As horas de María' (Espiral Maior, ' 2007), 'E alentar na túa rosa' (A.C. Caldeirón, 2010) e 'e Caín' (Laiovento, 2016). Ademais, participou en máis dunha vintena de obras colectivas.

Alén da súa actividade literaria, ten participado en exposicións colectivas e individuais, ilustrado libros e colaborado en diversas montaxes teatrais, ademais de conducir un programa de literatura en Radio Roncudo, a única radio libre da Costa da Morte. 

Comentarios