Paco Boluda, ilustrador: "Semella que até a chegada dos romanos eramos un salvaxes, e foi todo o contrario"

No ano 2019, o ilustrador Paco Boluda botaba a andar unha obra autoeditada baixo o título de Kallaikos, centrada no mundo galaico. Desde entón, a obra tivo unha grande acollida e chegou a cidades como Río de Janeiro, Roma ou Lisboa.
Paco Boluda.
photo_camera Paco Boluda.

Como xorde a idea de escribir Kallaikos?

Animeime a sacar este tipo de libro precisamente para tratar un espazo de divulgación da nosa historia, neste caso da Idade de Ferro, que non había. Ías a unha libraría e non existían obras así. Entón, decidinme a facer algo moi divulgativo e que ao mesmo tempo resultase atractivo. Tamén abandonar un pouco esa idea que temos da xente galaica vestida con farrapos e moi miserábel. Era un pobo cun nivel de cultura alto e unha cultura riquísima. As nosas raíces beben en gran parte desa cultura, que foi das que máis nos influíu na forma de ser que temos e na forma de actuar.

Un dos obxectivos, entón, era achegar ese mundo ao público ante o descoñecemento xeral.

Si. O problema que había -e hai- é a fractura moi grande co mundo académico, que conta con teses doutorais, revistas especializadas, artigos científicos... Á xente non se lle fan dixeríbeis estas cuestións, nas que hai un vocabulario determinado e non se chega a todos os públicos. A idea era achegar este tramo da historia á xente e, sobre todo, que se sentisen orgullosos. Existe un menosprezo importante, semella que até que chegaron os romanos eramos uns salvaxes e iso non é así, todo o contrario. A idea era pór un gran de area e tentar propiciar un cambio de actitude no público.

A obra emprega a primeira persoa para contar a vida nos castros. Por que optou por este tipo de narración?

O que pretendía non era facer un libro divulgativo ao uso, senón contar o que sería un día na vida dun castro cun protagonista en primeira persoa. A xente que vive no castro fala sobre o seu día a día, podendo coñecer así máis sobre esa cultura. Ver a vida a través dunha pequena narración é máis accesíbel, en especial para a xente que non gosta da historia ou da divulgación pura. Ao semellarse a unha novela, o lector vaise familiarizando coas personaxes e dáse de conta de como se vivía naquela época dun modo máis entretido, sen ser unha sucesión de datos.

Chaman tamén a atención as ilustracións e cores elixidas.

O certo é que si. Non é soamente o meu estilo de debuxar. Era unha cultura colorista. Estamos acostumados a vela en branco e negro, pedras, nus... Cando a xente vai a un castro cústalle ver que eran casas que estaban decoradas, con moita cor. Nas instalacións aparecen restos de pigmentos nas paredes, estatuas... Quería mostrar ese mundo de cores e alegría. Até hai pouco, o mundo rural era como un fósil desa época, coas colchas e cobertores, por exemplo, que son unha explosión de cores. Mesmo os traxes do país tiñan moito colorido. Logo, pouco a pouco, non sei se pola represión que houbo, fóronos apagando e quitando cores. Somos un país alegre que foron apagando. Para controlar unha cultura, o primeiro que fas é poñela en branco e negro, con tons grises, e vaise diluíndo até que se esquece.

Logo da publicación do libro, xurdiu algunha iniciativa similar a esta?

Hai novelas nas que a acción se desenvolve na conquista romana, pero cun ton divulgativo, que eu saiba, non saíu ningunha. Eu animo a xente a que faga este tipo de traballos. O público que gosta deste tipo de temas sentiuse moi orgulloso. Paréceme moi interesante que se comece a ver a nosa cultura doutra maneira. Hai moitos factores que contribúen a crear unha imaxe e un estereotipo que non é o real. Debiamos ter o orgullo suficiente como para amosar o noso, aumentalo e explotalo. 

O que nos falta é internacionalizar a nosa cultura, que chegue fóra. Facer unha linguaxe visual que poidamos vender fóra de aquí. Neste senso, cómpre empregar tamén a linguaxe visual galaica na actualidade. Temos un mundo para explotar que non traballamos e quizais sexa por descoñecemento. Debemos tentar promover e valorar a nosa cultura.

Comentarios